DeportesÚltima hora

Ruta polas Ermidas para probar o Espazo BTT O Bolo, este domingo 14 de xuño

Rutas cicloturistas Concello de O Bolo.

 

O Bolo conta co “primeiro Espazo BTT marcado de Valdeorras para que o poidan desfrutar os veciños e visitantes”, aseguran dende o Concello, explicando que aínda que as rutas están abertas para facer cando os cicloturistas queiran, convidan a probar unha das rutas en grupo este domingo, 14 de xuño.

Farase a ruta 3 As Ermidas duns 25 quilómetros e estarán acompañados por Víctor Fernández de Rutas Xanzá para que poidan probar esta nova actividade. O inicio farase ás 10 horas dende o casco urbano do Bolo, diante do colexio e a participación está aberta a todo aquel que teña bicicleta e queira coñecer o Espazo BTT O Bolo.

O alcalde, Miguel A. García Fariñas, presentou este proxecto acompañado polos profesionais que deseñaron as rutas, Víctor Fernández de Rutas Xanzá e Guti Martin de Sherpa project. Un programa feito baixo subvención do MiTeCo (Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico) que permite recorrer en bicicleta practicamente todas as localidades deste extenso concello de montaña.

 

 

As 4 rutas atópanse activadas en plataformas especializadas como Wikiloc e Komoot con diferentes grados de dificultade. Todas elas poden facerse en bicicleta tradicional e tamén eléctrica e parten todas do casco urbano do Bolo, Paradela, Buxán, As Ermidas e Circular O Bolo. A de Paradela é a máis longa de 43 kms e a máis curta é a circular do Bolo cuns 7 kms. As rutas combinan pistas forestais, camiños rurais e tramos asfaltados de baixa intensidade de tráfico, ofrecendo recorridos variados, panorámicos e de gran atractivo para a práctica do cicloturismo. Cada itinerario permite desfrutar do esforzo deportivo, do contacto coa natureza e do descubrimento dun territorio único.

Os usuarios destas rutas solo terán que descargar as rutas e facelas sen máis dificultade cunha aposta clara polo uso da tecnoloxía de xeito sinxelo e ao mesmo tempo gozar do territorio.

 

Back to top button