Rebrota Silbina, un proxecto de promoción dos dez concellos integrantes do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea, vén de poñerse en marcha neste 29 de agosto cunha xornada chea de actividades nos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso.
Nesta iniciativa participaban 40 persoas, chegadas de diferentes partes de Galicia, que desfrutaban dunha experiencia de inmersión neste extenso territorio cun programa de actividades que incluían sendeirismo interpretativo, visitas culturais, degustación e feira de produtos locais e visitas a produtores da zona
A actividade comezaba ás 9 da mañá cunha ruta de sendeirismo duns 7 km que partía da Ermida de San Ciriaco ata o Foxo de Lobo de Entrecabezas, preto de Ardexarxe (Viana do Bolo). A ruta estaba dirixida polos guías de Surbia Natura, que aportaban explicacións sobre historia, xeografía, glaciarismo e flora e fauna da zona coa temática principal da historia do lobo en Galicia.
Chegados ao foxo, podía desfrutarse dunhas espectaculares panorámicas da contorno destacando a vila de Viana, os vales do Bibei, o Conso e o Camba, a Serra de Queixa e as Serras do Canizo, O Eixe e Segundera cos cumio de Trevinca ao fondo.

O lobo, un elemento esencial da historia e cultura galegas, era o protagonista da interpretación onde incluso houbo tempo para falar do mítico Lobo da Xente presente nas lendas de Viana (Lobo da Xente de Prado e Cereixido) e leuse o conto de Vicente Risco
Finalizada a ruta o grupo desprazouse a Gandeiría de Val do Conso, xa no municipio de Vilariño de Conso, para coñecer da man de Antonio a historia e o día a día do traballo na súa explotación de gando caprino e ovino en extensivo.

A degustación de produtos locais realizouse na Curuxa do Río, establecemento nas piscinas de Vilariño onde as persoas participantes desfrutaros dunha petiscada elaborada con produtos locais onde figuraban croquetas de cabrito, castaña confitada con queixo de cabra, empanada, embutidos de Viana e hamburguesas de tenreira da zona. Nos postres non podían faltar os dous típicos da zona: O Montonico e a Bica.
Finalmente, o Concello de Vilariño de Conso, agasallaba ao grupo cunha visita guiada ao Museo etnográfico deste municipio, situado no propio baixo da Casa do Concello.
Fotos cedidas.
