A Xunta somete a información pública o proxecto de trazado da mellora da estrada OU-533 entre Viana do Bolo e A Gudiña, cun orzamento de 15,6M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, facía o anuncio esta mañá en Viana do Bolo, xunto ao alcalde deste municipio, Germán García-Ávila; ao da Gudiña, Néstor Ogando; ao delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, entre outras autoridades. Así, tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do trámite de información pública, ábrese un prazo desde o vindeiro luns 15 de xuño e ata o 27 de xullo para a presentación de alegacións.
Trátase dunha “actuación integral” no treito de 15 quilómetros que une os citados concellos, neste viario que conta con 50 quilómetros. Deste xeito, abordaranse varias actuacións para mellorar a seguridade, capacidade e funcionalidade desta estrada, de especial importancia para as comunicacións de varios concellos do sur-leste da provincia de Ourense, segundo a conselleira.

Deste xeito, deséñase un novo trazado sobre a base da estrada actual e, ademais da renovación da capa de rodaxe en toda a plataforma, abordarase unha mellora das interseccións e habilitaranse carrís adicionais para facilitar os adiantamentos. Allegue destacou tamén que o proxecto inclúe unha variante do trazado (en concreto entre os puntos quilométricos 5+000 e 7+100), que permitirá a eliminación de varias curvas e, polo tanto, reduce o percorrido en ao redor de 700 metros.

Así mesmo, a intervención incluirá a mellora da seguridade de 8 interseccións, nas que se proxecta a disposición de novos carrís centrais de espera, así como a configuración en 7 dos casos da intersección para que se poida realizar un cambio de sentido con seguridade. Tamén se reporá a sinalización reporase a sinalización, o balizamento e as defensas.
A actuación redundará na mellora da seguridade e na redución dos tempos de desprazamento, ademais destacaba que este proxecto enmárcase no compromiso da Xunta coas infraestruturas, polo que ademais de sumar quilómetros de vías de altas prestacións, invístese nas melloras das estradas autonómicas, para seguir vertebrando o territorio e “conectar os concellos”, segundo a conselleira. “Con esta mellora da conectividade, melloramos a competitividade e seguimos así avanzando nesa Galicia calidade da que tan orgullosos estamos”.

Pola súa banda, o alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila; sinala que isto finalmente vai ser unha realidade, pero que “temos que tomala con tempo”, detallando os diferentes pasos que se van seguir, “co que vai levar un tempo e pedímoslle á consellería que acurte os prazos o máis posible”. Así mesmo incidía na relevancia desta estrada que vertebra “non só aldeas de Viana e da provincia de Ourense, senón que vertebra provincias diferentes, comunidades diferentes e países distintos. Soporta un tráfico inmenso, sobre todo de camións”. Nesa mesma cuestión incidía o rexedor da Gudiña.
A maiores, o alcalde de Viana facíalle unha petición á conselleira. En concreto, pedía que á entrada da vila se colocasen biondas, para “reducir a velocidade dos camións. Ímolo solicitar”. E concluía asegurando que “seguiremos reivindicando cousas dende Viana e oxalá que se consigan éxitos como os de hoxe”.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.


