O proxecto de escavación arqueolóxica e posta en valor dunha olería do século XVIII na localidade do Seixo (O Bolo) concluía na xornada do 6 de setembro cunha visita guiada á zona da intervención, na que os investigadores sacaban á luz un dos fornos do lugar, ademais de varios vertedoiros con varios restos de cerámica, que serán analizados.
Os veciños podían coñecer da man dos investigadores a actuación realizada así como os achados da mesma.

O estudo arqueolóxico, que levaba a cabo a Asociación Científica Sputnik Labrego, forma parte do proxecto “O Bolo: Hub de iniciativas Sustentables Municipais”, que resultou beneficiario este ano dunha axuda de 180.000€ do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destinada a impulsar a innovación en entidades locais.
Fotos cedidas.