OurenseÚltima hora

Sae da Portela da Canda o primeiro grupo do Camiño por Etapas pola “Vía da Plata”, que organiza a Deputación

 

A Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), impulsa o Camiño da Vía da Plata por etapas coa novidade das saídas dende A Canda (A Mezquita). Esta acción, que conta co apoio da Axencia Galega Turismo, pretende impulsar o coñecemento deste itinerario xacobeo entre a poboación local.

A Vía da Plata por etapas, que inclúe guía e autobús, permite realizar os diferentes tramos do Camiño Mozárabe durante varias xornadas, podendo optar os usuarios por facer etapas soltas ou inscribirse en tódolos tramos. A iniciativa, posta xa en marcha, resultou un éxito a pasada Semana Santa, con gran demanda de prazas para as etapas ata Santiago.

Con este novo itinerario, que se iniciará os vindeiros domingos dende o 25 de maio ata o 22 de xuño, os peregrinos percorrerán paisaxes de montaña e núcleos de poboación de gran beleza por A Mezquita, A Gudiña, Vilariño de Conso, Castrelo de Val, Laza, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Paderne de Allariz, Taboadela e San Cibrao, ata chegar a Ourense capital.

O peregrinos poderán coñecer parte da etnografía, cultura popular e patrimonio das distintas localidades, a través da interacción con asociacións das diferentes localidades que atravesa o itinerario xacobeo.

 

 

Os tramos

A primeira saída do Camiño por etapas A Canda-Ourense tiña este domingo, 25 de maio, con percorrido entre A Canda- Vilavella – A Gudiña, cun total de 18 kilómetros. O deputado Rosendo Fernández acompañaba a este primeiro grupo, que partía da Portela da Canda, no tramo ata A Gudiña.

 

 

Ademais no seu percorrido coñecían manifestacións da tradición da Mezquita como é o caso dos Zamarreiros, que saen na Festa de Reis nesta vila.

A seguinte parada, o 1 de xuño, inclúe os tramos A Gudiña/Venta do Bolaño – Campobecerros – Portocamba e Laza (opción de 36 ou 23 kilómetros)

O 8 de xuño o percorrido parte de Laza ata Alberguería e Vilar de Barrio, cun percorrido de 20 kilómetros.

O 15 de xuño será o tramo de Vilar de Barrio – Bobadela – Padroso e Xunqueira de Ambía, con 14 kilómetros.

Por último, o 22 de xuño a etapa iniciarase en Xunqueira de Ambía, pasando por A Pousa, Ousende, A Venda do Río, A Castellana, Seixalbo e chegada á Ponte Romana de Ourense. En total serán 23 kilómetros.

 

 

En setembro, máis saídas a Santiago

Ademais do Camiño Mozárabe pola provincia de Ourense, nos domingos de setembro e outubro tamén se retomará a Vía da Prata por etapas dende Ourense a Compostela.

Para quen realice as cinco etapas, entregaráselle un documento acreditativo dos 100 kilómetros no itinerario mozárabe na provincia de Ourense.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button