OurenseÚltima hora

San Xoán de Río avanza no seu plan de co-living e mentoría para atraer mocidade ao rural

 

O Concello de San Xoán de Río continúa dando pasos firmes para poñer en marcha un plan municipal innovador baseado no co-living e na mentorías personalizadas, co obxectivo de atraer nova poboación, facilitar o retorno da mocidade con raíces no municipio e reforzar as oportunidades para quen xa vive na zona. O proxecto nace das aprendizaxes adquiridas na formación europea “The eXPerience”, celebrada recentemente en Ogulin (Croacia) xunto a representantes doutras sete rexións europeas.

Na pasada semana celebrábase na Casa Consistorial a primeira reunión de traballo para adaptar e implementar a versión galega do programa. Participaron o alcalde Xosé Miguel Pérez Blecua, a traballadora social municipal Geanina Lascu, e os técnicos que asistiron á formación internacional, Dani Diéguez e Óscar de Miguel. Ademais de compartir as aprendizaxes traídas de Croacia, a reunión permitiu analizar os recursos existentes na comarca e definir os pasos necesarios para lanzar un proxecto piloto axustado á realidade local.

Durante o encontro avaliáronse os recursos humanos, sociais e materiais necesarios. O alcalde expuxo diferentes opcións de acollida temporal —como o albergue municipal ou aloxamentos privados tanto no concello como noutros municipios próximos— e destacou o potencial da comarca: boa conectividade dixital, espazos de teletraballo, contorna natural excepcional, oferta de ocio e proximidade á estación de esquí de Manzaneda e ás principais rutas da zona.

O proxecto piloto, deseñado a partir da formación Erasmus+, consiste nunha experiencia de convivencia rural dun mes, combinada cun proceso estruturado de mentoría. Inclúe busca de futuras opcións de aloxamento, integración comunitaria, asesoramento laboral ou emprendedor, conexión con axentes locais e sesións quincenais de seguimento emocional e práctico. O obxectivo é que mozos e mozas poidan probar a vida no rural con apoio profesional e acompañamento continuo, dispoñendo dunha visión realista das posibilidades que ofrece o territorio.

Na reunión, Geanina Lascu achegou a súa coñecemento profundo da comunidade e identificou factores clave para garantir unha integración respectuosa e efectiva. Pola súa banda, Dani Diéguez e Óscar de Miguel presentaron o plan metodolóxico desenvolvido en Croacia, formularon cuestións estratéxicas para adaptalo ao contexto local e definiron os primeiros pasos para avanzar cara á súa posta en marcha real.

O encontro concluíu coa validación oficial do inicio do plan e coa previsión de activar a busca de recursos adicionais, así como de celebrar unha segunda reunión entre decembro e comezos de 2026. Ademais, o Concello estuda a posibilidade de incorporar a outros municipios próximos para ampliar o impacto social e territorial do programa.

Con esta aposta, San Xoán de Río consolídase como referente galego en innovación rural, demostrando que un municipio de apenas 500 habitantes pode ofrecer vivenda, comodidade, conectividade e oportunidades suficientes para atraer mocidade e impulsar novas formas de vida sostible no rural.

Back to top button