San Xoán de Río vivía o sábado 18 de outubro unha xornada máxica marcada pola sétima arte coa proxección dunha película en sistema DCS, unha tecnoloxía de proxección de última xeración que garante unha calidade excepcional de imaxe e son. Este filme, que só se pode ver nos Cines Verdi de Madrid e Barcelona, tivo en San Xoán de Río a súa estrea exclusiva, facendo do noso municipio un referente cultural no ámbito rural europeo.
O evento insírese no marco do proxecto Rural-EU, unha iniciativa que busca fortalecer a cooperación entre pobos rurais europeos e fomentar redes de intercambio cultural.
Nicolò Granà, alcalde de Palazzo Adriano, enviou un emotivo mensaxe destacando o valor do Museo Cinema Paradiso, un proxecto que amosa como o cine pode unir persoas, crear comunidade e atraer a atención de novos públicos. “A cultura é un instrumento de unión e agregación, e queremos que este modelo inspire tamén a San Xoán de Río”, subliñou Granà.
Esta proxección reforzou tamén os vínculos co proxecto Rural-EU, permitindo tecer redes internacionais entre os pobos participantes, intercambiar experiencias e visibilizar a riqueza cultural do rural europeo.
San Xoán de Río continúa apostando por iniciativas que combinen cultura, educación e cooperación internacional, converténdose nun referente de dinamización rural e innovación social no ámbito europeo.
Fotos e vídeo cedidos.
