ConcellosSan Xoán de RíoÚltima horaVídeos

San Xoán de Río homenaxea ás mulleres emprendedoras que crean futuro no rural

O Concello presenta un relato audiovisual que recolle as súas voces, proxectos e soños

 

Nesta semana o Concello de San Xoán de Río e a asociación RioMola celebraron o Día das Mulleres Rurais cunha programación centrada en dar visibilidade e recoñecemento ás mulleres emprendedoras do municipio, aquelas que, con esforzo, creatividade e coraxe, apostaron por construír futuro desde o rural.

 

 

A celebración comezaba o luns cun coloquio aberto, no que as protagonistas foron mulleres de diferentes idades e traxectorias vitais que compartiron as súas experiencias arredor do emprendemento no medio rural. “Falouse de dificultades e de apoios, pero sobre todo de esperanza, oportunidades e orgullo de pertenza.
Da conversa xurdiu unha conclusión común: ser muller no rural é un reto, si, pero tamén unha oportunidade inmensa para innovar e transformar a realidade”, explican dende o Concello.

 

 

O mércores, a terapeuta Angelly Pérez impartía unha charla sobre benestar emocional e xestión das emocións, convidando ás participantes a conectar consigo mesmas e a cultivar o coidado persoal desde un enfoque consciente e saudable.

 

 

E como broche o Concello presenta un vídeo-homenaxe ás mulleres emprendedoras de San Xoán de Río, un relato audiovisual que recolle as súas voces, proxectos e soños. “Voces reais, cheas de autenticidade, que falan con forza e convicción. Porque en San Xoán de Río temos claro que rematou o silencio das mulleres rurais”.

Fotos e vídeo cedidos.

Back to top button