ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

San Xoán de Río impulsa a capacitación dixital no rural co programa “Reto Rural Dixital”

Trátase dunha iniciativa da Fundación Orange, con cursos comezarán en novembro no Concello de San Xoán de Río (Ourense) e incluirán formacións presenciais e gratuítas sobre competencias dixitais básicas e avanzadas

 

A Fundación Orange vén de anunciar a posta en marcha a partir do mes de novembro de diferentes cursos de capacitación tecnolóxica no Concello de San Xoán de Río dentro do programa “Todo por Aprender: Reto Rural Dixital”.

Esta iniciativa forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea e coordinado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).

O obxectivo do programa é formar a máis de 7.300 persoas en toda España en competencias dixitais básicas e avanzadas, prestando especial atención a colectivos da contorna rural. En San Xoán de Río, a iniciativa centrarase en tres grupos prioritarios:

• Mozos desempregados, para mellorar as súas oportunidades de emprego e aprendizaxe en intelixencia artificial.
• Persoas maiores, para reforzar o uso do smartphone e as aplicacións cotiás con seguridade.
• Veciños interesados en adquirir novas competencias dixitais, tanto básicas como avanzadas.

Os cursos, de carácter gratuíto e presencial, desenvolveranse a partir de novembro en instalacións municipais como o Centro de Teletraballo ou o Salón de Plenos. As persoas interesadas poderán inscribirse directamente no Concello de San Xoán de Río, onde se anunciarán proximamente as datas e prazas de cada formación.

“Desde Fundación Orange, con esta iniciativa de Reto Rural Dixital queremos axudar a todas as persoas de poboacións pequenas da nosa España rural a que superen as súas barreiras tecnolóxicas, fomentando así a autonomía, a conexión e a confianza ante o descoñecido. Grazas á nosa experiencia educativa e ao noso compromiso coa transformación dixital, ofrecemos contidos de calidade e adaptados a cada colectivo. En San Xoán de Río formaremos a diversos grupos en temáticas relacionadas coa súa realidade cotiá, facilitando así unha maior calidade de vida e fomentando a empregabilidade na comarca”, sinalou Daniel Morales, director de Sustentabilidade e Fundacións de MasOrange.

Pola súa banda, o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, destacou que “seguimos loitando contra a fenda dixital e este tipo de formacións axudan a mellorar os servizos e a calidade de vida da xente que vivimos no rural”.

Esta iniciativa é posible grazas a que San Xoán de Río forma parte da Rede Nacional de Pobos Acolledores, sendo o único municipio de Galicia integrado nesta rede, o que lle permite participar en proxectos innovadores orientados a fortalecer a nova ruralidad e a inclusión dixital.
Con este programa, San Xoán de Río dá un paso máis na súa estratexia de capacitación tecnolóxica e transformación dixital do territorio, consolidándose como un referente de innovación rural na provincia de Ourense.

Back to top button