ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

San Xoán de Río prepara o festival “EU RIO” dentro do proxecto europeo EU Rural

 

O Concello de San Xoán de Río acollía este sábado unha reunión de traballo entre a Asociación Cultural RioMola e a Asociación Cultural Os Tiburos de Trives, no marco do proxecto europeo EU Rural, unha iniciativa centrada na dinamización do rural, a mocidade e a cultura.

O encontro, celebrado no salón de plenos do Concello e con participación híbrida (presencial e por Zoom), serviu para dar os primeiros pasos na organización do festival “EU RIO”, un evento cultural e musical que se celebrará en agosto de 2026 e que aspira a converterse nun referente no ámbito rural galego.

Durante a reunión acordouse que o festival combine actividades culturais diúrnas cun festival musical nocturno, co obxectivo de atraer á mocidade e xerar un espazo de convivencia e aprendizaxe no rural. Ademais, formaranse grupos de traballo abertos á comunidade para deseñar a programación e coordinar a loxística do evento.

O proxecto EU Rural, que conta con financiamento da Comisión Europea, permitirá tamén formar a mozos e mozas en Croacia na organización de eventos culturais e na xestión do terceiro sector, reforzando así as oportunidades de emprego e desenvolvemento vinculadas ao mundo rural.

“San Xoán de Río continúa apostando polas iniciativas culturais como motor de desenvolvemento e cohesión. EU RIO será un punto de encontro entre a mocidade, a creatividade e o territorio”, sinala o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, destacando ademais o papel das asociacións locais no impulso do proxecto.

Pola súa banda, a coordinadora do proxecto subliñou “a importancia de levar a cultura ao rural para que a mocidade non teña que desprazarse para desfrutala, e para que ao mesmo tempo se xere economía local a través da creatividade e o talento”.

O proxecto continuará nas vindeiras semanas coa creación dos equipos de traballo e a definición do calendario de actividades previas ao festival.

Back to top button