ConcellosSan Xoán de RíoÚltima horaVídeos

San Xoán de Río protagoniza en ‘Canal Cocina’ as receitas da lonxevidade das mulleres desta localidade

As emisións comezan o luns 19 de xaneiro no programa 'Fogones Tradicionales' dirixido por Eugenio Monesma

 

San Xoán de Río será protagonista a nivel estatal no programa Fogones Tradicionales de Canal Cocina, dirixido por Eugenio Monesma, coa emisión de nove receitas tradicionais elaboradas polas mulleres de Río, un testemuño vivo da cociña que marcou durante xeracións unha forma de vivir máis e mellor.

As emisións comezarán o luns 19 de xaneiro ás 22:30 horas, con varios capítulos ao longo do mes e reposicións en diferentes franxas horarias, permitindo que estas receitas e este modo de vida cheguen a millóns de fogares en toda España.

O proxecto, financiado integramente polo Concello de San Xoán de Río, documenta unha cociña baseada en produto local, temporalidade, cociña lenta e equilibrio nutricional, elementos directamente vinculados á lonxevidade e calidade de vida do territorio. Non se trata só de gastronomía, senón dun patrimonio cultural e social transmitido de xeración en xeración, coas mulleres como depositarias deste saber.

As nove receitas que se emitirán son:
Caldo galego
Costela de porco con patacas
Castañas con cogomelos
Pescada á galega
Verduras con patacas e androlla
Coello con castañas
Fritos de mazá
Tortilla de patacas
Filloas de sangue

O Concello de San Xoán de Río dispón ademais das nove receitas en formato DVD, co obxectivo de facilitar accións culturais, educativas e divulgativas vinculadas á alimentación saudable, á memoria rural e ao envellecemento activo.

Dende o Concello agradécese expresamente a Eugenio Monesma a súa aposta por San Xoán de Río e pola cociña das mulleres de Río, así como o rigor e respecto cos que se gravou o programa, contribuíndo a poñer en valor un modelo de vida que combina tradición, saúde e futuro.

San Xoán de Río amosa así que o rural non só conserva memoria, senón que ofrece respostas actuais en ámbitos como a alimentación, a sustentabilidade e a lonxevidade.

Vídeo cedido.

Back to top button