
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, asinará convenios de colaboración con concellos e comunidades de usuarios para financiar os custos extraordinarios dos labores de autocontrol das augas de consumo humano afectadas polos incendios forestais do verán.
A tal fin, a Xunta destinará preto de 145.000 euros co obxecto de axudar a financiar os custos extraordinarios que lles está a supoñer a execución das medidas deseñadas polo Executivo galego no marco do Plan integral extraordinario de autocontrol dos abastecementos de auga de consumo humano afectados polos lumes forestais.
As axudas inclúen o financiamento das analíticas realizadas nas primeiras semanas e as posteriores que se fagan nos tres primeiros meses desde a extinción dos incendios.
Do total do investimento, máis de 135.000 euros irán destinados a 42 concellos e un total de 108 zonas de abastecemento afectadas; e preto de 9.000 euros para as cinco comunidades de usuarios con sete zonas de abastecemento, todas elas dadas de alta no Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo (SINAC) e incluídas dentro do Programa de Vixilancia de Augas de Consumo Humano.
Plan de autocontrol reforzado
Os incendios forestais acontecidos en Galicia durante o verán deste ano afectaron especialmente á provincia de Ourense, tendo impacto nas zonas de abastecemento de auga para consumo humano.
Isto supuxo a interrupción deste abastecemento nalgunhas zonas, ben pola afectación das infraestruturas ou pola necesidade de aplicar o principio de precaución ante o descoñecemento do grao de afectación provocado polos efectos físicos dos sedimentos e as cinzas que se depositan nas tomas de captación.
Ademais deses danos, os incendios forestais poden producir cambios significativos na calidade física, química e biolóxica da auga.
Tendo en conta o exposto, a Consellería de Sanidade puxo en marcha desde o primeiro momento un Plan de autocontrol reforzado das augas de consumo humano por mor dos incendios forestais para os operadores dos abastecementos.
Mediante este plan, o Executivo galego está a protexer a saúde da poboación, intensificando a vixilancia dos sistemas de abastecemento e verificando a calidade da auga. No caso de comprobar alteracións no sistema de abastecemento ou na calidade, realiza unha avaliación acorde aos contaminantes que poidan estar presentes na mesma.
O plan tamén establece, así mesmo, que aos abastecementos situados na zona do lume ou cunha captación de augas abaixo da zona afectada realízanselle determinados controis, indicando a súa frecuencia, os parámetros que se deben analizar e o punto do abastecemento no que se debe tomar a mostra.
42 concellos e cinco comunidades de usuarios
Os concellos afectados polos lumes nos que a Xunta está a levar a cabo o Plan de autocontrol reforzado das augas de consumo humano por mor dos incendios forestais para os operadores dos abastecementos son un total de 42 e engloban 108 zonas de abastecemento: Avión, Baltar, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, Beade, O Bolo, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, A Gudiña, Larouco, Laza, Leiro, Maceda, Manzaneda, Melón, A Mezquita, Montederramo, Monterrei, Oímbra, Parada de Sil, Petín, A Pobra de Trives, Ribadavia, Riós, A Rúa, Rubiá, San Xoán de Río, Sarreaus, A Teixeira, Trasmiras, A Veiga, Verín, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.
Pola súa parte, as cinco comunidades de usuarios de auga con sete zonas de abastecemento nas que o Executivo galego está a executar o plan son: Amiudal e Surribas, no concello de Avión; Chandoiro e Celavente-O Bolo, no municipio do Bolo; Carballeda-Carballeda de Avia, no concello de Carballeda de Avia; San Lorenzo e Sobrado, na Pobra de Trives e Roblido, na Rúa.
Nas análises que se realizan nestes tres meses desde o remate dos incendios examínase a cor da auga, o sabor, o olor, a turbidez, a incidencia de E.coli, de enterococo intestinal, de bacterias coliformes, de nitratos, de nitritos, de metais, de hidrocarburos, etc.
Pola súa parte, o corpo de farmacéuticos inspectores de Saúde Pública da Consellería de Sanidade está a executar labores de vixilancia e asesoramento a todos os municipios da provincia de Ourense afectados e no mes de setembro realizáronse máis dun cento de visitas a estas zonas de abastecemento.