
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacaba esta mañá a importancia dos controis de entrada de uva foránea para “protexer a calidade e a identidade territorial dos nosos viños ourensáns”. O subdelegado supervisou un control da Garda Civil en Verín enmarcado no dispositivo despregado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado con motivo da campaña da vendima 2026 para vixiar e previr a entrada de uva foránea nos territorios amparados polas catro Denominacións de Orixe da provincia.
Durante a supervisión, Eladio Santos subliñou a importancia da colaboración institucional, xa que o operativo especial desenvólvese en coordinación cos consellos reguladores das catro D.O. de Ourense e coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, nunha acción conxunta destinada a reforzar os mecanismos de control e garantir o cumprimento da normativa. “Perseguimos un obxectivo común: protexer ao sector viticultor, aos adegueiros e ao consumidor”, resaltou.
O subdelegado explicou que a actividade vitivinícola xera na provincia uns 120 millóns de euros de comercialización e representa entre o 4 e o 7% do emprego. “É unha peza clave da economía da provincia, que axuda tamén a fixar poboación no rural, promove o enoturismo, contribúe á conservación do patrimonio natural e cultural e evita o abandono das terras agrarias”, indicou.
Ademais, Eladio Santos puxo en valor a evolución positiva dun sector “en expansión, con capacidade para atraer investimento e xerar”. “Para iso é imprescindible que o seu crecemento se sustente nos seus dous grandes valores: a calidade e a identidade territorial. E precisamente por iso estamos a traballar de maneira coordinada”, explicou.
O dispositivo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ten como finalidade contribuír á detección e prevención de posibles entradas irregulares de uva procedente de fóra das zonas amparadas polas denominacións de orixe.
Consecuencias
O subdelegado lembrou que a entrada de uva foránea pode ter consecuencias importantes, tanto para os operadores que incorran en prácticas irregulares como para o conxunto do sector. Entre estas consecuencias atópanse a posible imposición de sancións administrativas, a eventual esixencia de responsabilidades penais no caso de condutas constitutivas de fraude alimentaria, a expulsión dunha adega da denominación de orixe correspondente e importantes danos económicos e reputacionais.
Ademais, o movemento de uva sen as garantías e controis correspondentes pode incrementar o risco de introdución de pragas ou enfermidades que afecten ao viñedo, cun potencial impacto sobre o conxunto das zonas produtoras.