
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacaba esta mañá en Verín “a resposta histórica” do Goberno de España á emerxencia causada polas sucesivas borrascas, coa reparación inmediata do firme na rede viaria estatal da provincia. Fíxoo durante a supervisión dos traballos de reparación do firme na autovía A -52, no marco do Plan Especial de Reparación e Conservación de Estradas do Estado en Galicia.
O subdelegado subliñou que o Goberno sumou 9 millóns de euros máis ao investimento anual ordinario de conservación da rede viaria estatal da provincia de Ourense polos efectos dos temporais. “As estradas sufriron condicións meteorolóxicas moi adversas que provocaron danos importantes durante varias semanas, polo que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible identificou os puntos deteriorados e púxose en marcha en canto deixou de chover”, apuntou.
En concreto, Eladio Santos recalcou a importancia de realizar labores de mantemento na autovía A-52, que vai de Benavente (Zamora) ata O Porriño (Pontevedra). “É a principal arteria de comunicación viaria entre a meseta e o sur de Galicia e este Goberno mantén a súa conservación como unha prioridade”, asegurou.
Ademais, o subdelegado agradeceu ao ministro de Transportes, Óscar Puente, a súa sensibilidade coas vías ourensás, xa que “activou a reparación dos danos nun tempo récord e cunha coordinación excepcional”. En concreto, hai actuacións previstas nas autovías A-52 e A-75 e nas estradas N-120, N-525, N-540, N-541 e N-532.
Eladio Santos explicou que as obras de asfaltado da A-52 están incluídas no Plan Especial de Reparación e Conservación de Estradas do Estado en Galicia, dotado de 167 millóns de euros, con 38 millóns extraordinarios polas borrascas. “O obxectivo é garantir estradas seguras, modernas e con boas condicións”, indicou.

Rehabilitación da A-52
Máis alá deste asfaltado de emerxencia, o subdelegado lembrou que o ministerio de Transportes xa licitou por 17,6 millóns de euros a rehabilitación do firme da A-52, entre os quilómetros 138 e 176, ao seu paso polos municipios da Gudiña, Riós, Vilardevós, Verín, Monterrei e Cualedro. É unha actuación coa que se pretende recuperar a capacidade estrutural e funcional do firme e conservar adecuadamente o patrimonio viario de titularidade pública, garantindo a seguridade viaria.