
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacaba esta mañá o esforzo científico do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para coidar os ecosistemas nas zonas afectadas polos lumes forestais do 2025 na provincia de Ourense. O subdelegado supervisabahoxe un traballo de campo en Monterrei que realiza o grupo de Ecoloxía do Paisaxe da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), acompañado do investigador Adrián Regos e do seu equipo. Estivo tamén a tenente de alcalde, María Rosa González.
Na visita, Eladio Santos explicou que o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a través do CSIC, aposta polo proxecto “Galifire”, que consiste no estudo da resposta inmediata e a longo prazo das comunidades de aves, importantes indicadores da saúde dos ecosistemas, nas zonas arrasadas polos incendios do ano pasado.
Neste sentido, o subdelegado subliñou o compromiso do Goberno de España co estudo do medio ambiente “para protexer o patrimonio natural e preservar a enorme riqueza ambiental da provincia”. “Ourense sufriu o pasado verán a peor vaga de lumes que lembramos e cada ano convive cun crecente risco de incendios a causa do cambio climático, polo que apostar pola ciencia é apostar tamén pola seguridade e a sustentabilidade”, indicou.

Plan estatal “Resfire”
“Galifire” é un proxecto de ciencia cidadá que leva a cabo a MBG-CSIC ata finais de xuño para analizar o impacto dos lumes nas comunidades de aves. O investigador Adrián Regos precisou que o estudo se basea na realización de censos de aves mediante estacións de escoita. “É interesante poder facer un seguimento in situ sobre como responden as aves ao longo do tempo e ver se se recupera a mesma comunidade ou cambia a presenza de especies”, apuntou Regos.
Este proxecto enmárcase no Plan Estatal “RESFIRE” que aborda a restauración da biodiversidade en zonas afectadas por incendios forestais. En concreto, en Galicia realízase o seguimento das comunicades de aves no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e na Serra do Courel. “A raíz deste labor xurdiu o Galifire polo impacto que poden ter os lumes de dimensións brutais que ocorreron o ano pasado e pedimos colaboración para estender as observacións a outras zonas queimadas como esta de Monterrei”, detallou o investigador. Por iso, o grupo busca participación social de colectivos vinculados coa ornitoloxía que poidan realizar mostraxes.
En concreto, o grupo de Ecoloxía do Paisaxe realiza esta semana na comarca de Verín un traballo de campo que consiste na colocación duns dispositivos de bioacústica que rexistran a presenza de aves e serán posteriormente recollidos para o análise dos datos.