En portadaÚltima hora

Santos destaca o traballo do Goberno “con especial coordinación para blindar a seguridade e facilitar a mobilidade” na Eclipse do 12 de agosto

Poderá observarse en 15 concellos da provincia de Ourense, onde comezará ás 19:33 horas e finalizará ás 21:23 horas, sendo as 20:30 horas o momento de maior escuridade

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, anunciou hoxe que os organismos dependentes do Goberno de España na provincia están a traballar “para blindar a seguridade e facilitar o tránsito de vehículos e persoas” de cara a Eclipse do 12 de agosto. Eladio Santos presidiu en Ourense unha reunión de coordinación na que participaron responsables de todos os organismos da Administración Xeral do Estado que están vinculados aos retos que implica o operativo ao redor dun fenómeno astronómico que non se ve na Península Ibérica desde hai máis de 120 anos.

O subdelegado explicou os principais desafíos que ten o Goberno de cara a esta Eclipse, que é a primeira das tres que se verán desde España nos próximos anos e que foron bautizados como ‘Trío de Eclipses 2026-2027-2028’. “O obxectivo é que xente poida desfrutar da Eclipse con planificación, evitando accidentes, altercados e aglomeracións”, apuntou.

Para iso, engadiu Santos, colaborarase con outras administracións como os Concellos e a Xunta e elaborarase unha lista dos puntos de interese máis relevantes para observar o fenómeno, nos que se prevé unha maior concentración de persoas. Así mesmo, detallou que o dispositivo buscará “unha mobilidade ordenada, con capacidade de resposta ante calquera emerxencia”, pois hai que ter en conta que este acontecemento terá lugar xusto antes da noite das Perseidas.

A reunión congregou a representantes en Ourense dos departamentos vinculados ao operativo: AEMET, Garda Civil e Subsector de Tráfico, Policía Nacional, Dirección Xeral de Tráfico, Demarcación de Estradas, Inspección de Telecomunicacións, Adif, Renfe e o departamento de Protección Civil da Subdelegación do Goberno.

 

 

Eclipse do 12 de agosto

A primeira do Trío de Eclipses será unha Eclipse total de sol que se producirá na tarde do 12 de agosto. Os organismos expertos sinalan a súa excepcionalidade pois España será o único territorio habitado onde se poderá observar.

En Galicia, segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), un 56,3% do territorio galego poderá ver a eclipse total. Na provincia de Ourense, o fenómeno comezará ás 19:33 horas e finalizará ás 21:23 horas, sendo as 20:30 horas o momento de maior escuridade. A eclipse total poderá observarse en 15 concellos da provincia de Ourense. No resto do territorio ourensán será parcial. Ademais, o último lugar de Galicia onde se verá a eclipse total será no municipio da Veiga, na fronteira co municipio de Porto en Zamora.

Back to top button