ConcellosEn portadaO BarcoÚltima horaVídeos

Santos: “O avance dos traballos da circunvalación do Barco é superior ao 65 %, estando moi avanzados os viadutos principais da obra”

Así o destacaba o subdelegado do Goberno en Ourense que supervisaba esta mañá os traballos desta infraestrutura, cun investimento de máis de 60M€ por parte do Ministerio de Transportes

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitaba esta mañá as obras da estrada de circunvacióna do Barco, onde destacaba hoxe o compromiso do Goberno de España co impulso a novas infraestruturas na provincia de Ourense. Nesta nova estrada de conexión entre a N-120 e a N-536, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible inviste máis de 60 millóns de euros, incluíndo obra, expropiacións e asistencias técnicas de redacción de proxecto e control e vixilancia.

Acompañado polo alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso, o subdelegado do Goberno puxo en valor que esta infraestrutura mellorará a calidade de vida dos veciños e veciñas de Valdeorras. “Esta actuación permitirá liberar as nosas vilas do tráfico pesado, o que reducirá o ruído, a contaminación e o deterioro do firme, gañando seguridade viaria e espazo para as actividades cotiás”, explicou.

Ademais, Santos asegurou que esta intervención é tamén unha aposta firme pola competitividade e a eficiencia das empresas da comarca, especialmente do sector da lousa. “Esta vía terá un trazado adecuado para o tránsito de camións, mellorando a seguridade dos condutores, polo que suporá un auténtico impulso ao desenvolvemento económico de Valdeorras”, remarcou.

 

 

Execución das obras

O subdelegado detallou que o avance dos traballos na nova estrada é superior ao 65 %, estando moi avanzados os viadutos principais da obra sobre o río Sil e o río Cigüeño e o túnel do Serro.

Así mesmo, lembrou que o obxecto das obras é dotar dunha conexión rápida e segura ás estradas N-536 e N-120 nas proximidades do Barco de Valdeorras, que sirva como variante para evitar o frecuente paso dos camións de lousa procedentes das canteiras próximas e resto de vehículos, a través do núcleo urbano; mellorar as características xeométricas do trazado da N-536 aumentando os parámetros de seguridade viaria da estrada, e finalmente, que permita mellorar as comunicacións de toda a comarca de Valdeorras.

 

 

Características técnicas

A nova infraestrutura, cunha lonxitude de 5,6 quilómetros, iníciase en Sobradelo no punto quilométrico 41,5 da N-536, na intersección coa OU-122, e finaliza no punto quilométrico 453,4 da N-120 no Barco de Valdeorras. A actuación componse de dúas partes diferenciadas:

  • Un primeiro subtreito de estrada de acondicionamento e mellora da N-536 desde Sobradelo nunha lonxitude duns 3,3 quilómetros cunha sección transversal composta por unha calzada de 7 metros, con carrís de 3,50 metros por sentido, e beiravías exteriores de 1,50 metros.
  • Un segundo subtreito de estrada en variante duns 2,3 quilómetros, que abandona a N-536 no punto anterior, con sección transversal de 12 metros, carrís de 3,50 metros e beiravías exteriores de 2,50 metros. Este segundo treito cruza o río Sil mediante un viaduto e o monte do Serro en túnel para finalmente conectar coa estrada N-120 a través doutro viaduto sobre o rio Cigüeño.

 

 

Proxéctanse dous nós: o primeiro deles, no punto quilométrico 45 da N-536, deséñase como intersección en T dotada de carrís centrais de espera e cambio de velocidade. O segundo, ao final do tramo, consiste nun novo enlace tipo diamante con glorieta superior, que serve de conexión entre a nova variante e a N-120, situándose próximo ao existente nesa N-120, na contorna do  punto quilométrico 453,4. Este novo enlace foi deseñado e previsto para aloxar o paso da sección da futura autovía A-76: Ponferrada-Ourense, e ademais dará acceso á OU-622 e outras vías do núcleo do Barco de Valdeorras.

 

 

Ao longo do  trazado proxéctanse un total de dez estruturas: seis viadutos, tres pasos superiores e un paso inferior, onde destacan o viaduto sobre o rio Sil de 405 metros de lonxitude e sección en caixón e e o viaduto sobre o río Cigüeño, de 258 metros. A continuación do viaduto sobre o río Sil en sentido noroeste, baixo o monte do Serro, proxectouse a construción dun túnel dun único tubo bidireccional, de 490 metros de lonxitude e pendente constante do 3%.

 

 

Como parte importante do proxecto, cabe destacar que inclúe todas as medidas necesarias de integración ambiental e protección do patrimonio cultural, como é a preservación da antiga Ponte de Candís e a explotación aurífera romana da Veiga.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button