OurenseÚltima hora

Santos recoñece o labor dos colaboradores da Rede Nacional de Radio de Emerxencia na entrega de diplomas a 10 dos seus voluntarios

O subdelegado do Goberno destacou a xenerosidade coa que actúan os radioafeccionados da REMER, “cun auténtico compromiso altruísta co servizo público e coa seguridade das persoas”

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, agradeceu hoxe o labor que exercen os colaboradores da Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER), “que demostraron ser esenciais en situacións complexas”. O subdelegado presidiu a entrega de diplomas a dez voluntarios da rede de ámbito estatal utilizada pola Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior.

No acto, celebrado na Subdelegación do Goberno en Ourense, Eladio Santos destacou a xenerosidade coa que actúan os voluntarios. “Estes diplomas acreditan os vosos anos dedicados á REMER, pero tamén amosan, sobre todo, un auténtico compromiso altruísta co servizo público e coa seguridade das persoas”, remarcou.

Ademais, Eladio Santos fixo mención ao apagamento nacional que se viviu en España hai un ano e no que estes voluntarios fixeron un traballo clave desde o primeiro minuto da emerxencia en Ourense. “Preparastes o voso dispositivo e a rede de comunicacións, cunha actitude de colaboración excepcional. Foron horas difíciles nas que chegamos ao nivel 3 de emerxencia e temíamos que a noite fora un escenario de caos, pero entre o medo e a incerteza, estabamos comunicados grazas á REMER”, apuntou.

Neste sentido, o subdelegado lembrou a peor emerxencia que sufriu a provincia de Ourense o ano pasado, a vaga de incendios forestais, na que a REMER amosou unha vez máis a importancia do seu papel. “Mentres a cantidade de lumes e a voracidade dos mesmos complicaban as comunicacións, vós estivestes ao servizo da emerxencia sen dubidalo nin un segundo”, relatou.

Por iso, Eladio Santos reivindicou a utilidade da REMER e do seu sistema alternativo de telecomunicacións en casos de emerxencias. “Tedes a preparación e a organización que requiren as situacións extremas e tamén soubestes aproveitar os avances tecnolóxicos para modernizar os servizos no campo da Protección Civil, con cualificación e adestramento”, recoñeceu.

 

 

No acto, presentado polo secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Ourense, Manuel Arias, participaron tamén o subdelegado de Defensa en Ourense, Jesús Peñas; a directora territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Beatriz Fernández; o xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións, Enrique San Martín; o comisario provincial xefe da Policía Nacional, Juan Cástor Vázquez; o comandante da Garda Civil Rodrigo García; o inspector xefe da Unidade da Policía Adscrita a Galicia en Ourense, Breogán Rivo; a xefa da Unidade de Protección Civil da Subdelegación do Goberno, Mari Carmen Lodos, e outros membros de Emerxencias e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Homenaxeados

Dez radioafeccionados acreditados da REMER foron homenaxeados no acto polo tempo de servizo. Fernando Álvarez García, Luis Docabo Fernández e Daniel Fernández Fidalgo foron recoñecidos por 4 anos de servizo. Antonio Veiga Feijóo recibiu recoñecemento polos seus 10 anos na rede. José Luis Piñeiro Garrido e Fernando Casanova Orozco levan 15 anos como corresponsais. Óscar Juan Marco Rey recolleu o diploma polos 30 anos de colaboración. Camilo Cid Santana e Juan Francisco Mosquera, levan 35 anos no servizo. Finalmente, o veterano José Ángel Casanova Orozco foi galardoado tras 40 anos de colaboración coa REMER.

 

Back to top button