ConcellosEn portadaGalerías de fotosRubiáÚltima hora

Santos visita en Rubiá o campamento do Plan Corresponsables, programa que dá servizo de conciliación a 30 familias

Este servizo público, financiado polo Goberno de España con 16.571 euros, "aposta pola corresponsabilidade e facilita espazos de educación, de deporte, de ocio creativo, de amizade e de contacto coa natureza”, indicaba o subdelegado en Ourense

 

Ata Rubiá desprazábase este martes 21 de xullo o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e alí reafirmaba o compromiso do Goberno de España “coa igualdade e os coidados, con máis de 16.000 euros para iniciativas de conciliación” neste Concello, a través do Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade. Así o dixo durante unha visita a un dos campamentos de verán enmarcados no programa.

Santos explicaba que este concello resultou beneficiario este ano dunha axuda de 16.571 euros da liña para entidades locais do Plan Corresponsables, e que permite impulsar o campamento de verán, do que se están a beneficiar 30 familias. “Este servizo público aposta pola corresponsabilidade e facilita espazos de educación, de deporte, de ocio creativo, de amizade e de contacto coa natureza”, indicaba.

Nesta liña, o subdelegado do Goberno concretaba que 57 concellos da provincia de Ourense recibiron 1.866.696,82 euros para desenvolver as súas iniciativas de conciliación, cos fondos repartidos polo Ministerio de Igualdade o ano pasado. “Confiamos na cogobernanza e na colaboración coas Comunidades e Concellos, porque son responsables competenciais de tres eixos do plan: a creación de bolsas de coidado profesional que faciliten a conciliación de familias con fillos menores de 16 anos, o fomento do emprego e a certificación da experiencia profesional de coidado non formal”, destacaba.

 

 

Ademais, insistía en que o Plan Corresponsables permite ofrecer máis e mellores oportunidades á cidadanía ao tempo que apoia a sustentabilidade financeira dos concellos, supoñendo un importante alivio económico para as administracións locais. “É un exemplo de como a colaboración entre administracións beneficia fortalece o municipalismo”, sostiña.

Plan Corresponsables

O Plan Corresponsables é unha política do Goberno orientada, entre outros, a favorecer a conciliación das familias con nenas, nenos e mozos de ata 16 anos desde un enfoque de igualdade entre mulleres e homes. O programa é competencia da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres e desenvólvese en colaboración coas Comunidades Autónomas, como responsables competenciais de varios dos seus obxectivos. Desde a súa creación en 2021, o Goberno destinou a Galicia máis de 54 millóns de euros para financiar programas e accións de corresponsabilidade.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button