CulturaCulturaOurenseÚltima hora

Sarabela Teatro leva “A Metamorfose” a Uruguai con tres funcións no Festival Internacional de Artes Escénicas

A compañía ourensá participa na X edición do FIDAE, onde representará a súa adaptación da obra de Franz Kafka en San José de Mayo e Montevideo

 

A compañía ourensá Sarabela Teatro participa na X edición do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai (FIDAE), onde ofrecerá tres representacións de A Metamorfose, a súa adaptación teatral da obra de Franz Kafka, neste mes de outubro nas cidades de San José de Mayo e Montevideo.

A compañía atópase en Uruguai para participar neste encontro internacional, organizado polo Ministerio de Educación e Cultura uruguaio, que reúne propostas escénicas de diferentes países e disciplinas artísticas.
A primeira función celebrábase o sábado 10 de outubro no Teatro Macció de San José de Mayo. Posteriormente, Sarabela trasladarase a Montevideo, onde actuará os días 12 e 13 de outubro na Sala Lazaroff.

A presenza neste festival permitirá achegar ao público uruguaio unha produción creada en Ourense e continuar ampliando a circulación internacional do teatro galego, favorecendo o intercambio cultural e o encontro con novos públicos.

Unha adaptación contemporánea do clásico de Kafka

Dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio, A Metamorfose parte da historia de Gregor Samsa, un home que esperta unha mañá transformado nun ser monstruoso. Este acontecemento altera radicalmente a súa vida e as relacións coa súa familia, converténdose no punto de partida dunha reflexión sobre a identidade, o illamento, a exclusión e o valor que a sociedade outorga ás persoas en función da súa utilidade.

A proposta escénica de Sarabela revisita un dos grandes clásicos da literatura universal desde unha linguaxe teatral contemporánea, explorando a vixencia dos conflitos humanos presentes no texto de Franz Kafka.

 

 

Un festival internacional que celebra a súa décima edición

O Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai celebra a súa décima edición do 9 ao 18 de outubro de 2026, cunha programación que combina teatro e outras disciplinas escénicas e reúne compañías e artistas uruguaios e internacionais.

A participación de Sarabela Teatro neste encontro supón unha nova oportunidade para dar a coñecer a creación escénica galega fóra das nosas fronteiras e reforzar a súa presenza en circuítos internacionais.
Conta co apoio do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), dependente do Ministerio de Cultura, e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Xunta de Galicia.

Back to top button