EconomíaEconomíaÚltima hora

Sarria acolle a VIII Feira de Turismo do Eixo Atlántico, Expocidades, do 2 ao 4 de maio

Durante a fin de semana, 28 municipios e entidades de Galicia e o Norte de Portugal promocionarán a súa cultura e gastronomía

 

Expocidades inaugúrase o próximo día 2 de maio, na Praza da Vila de Sarria, que se convertirá no epicentro do turismo de proximidade coa celebración da VII edición da Feira de Turismo do Eixo Atlántico. Vinte e oito concellos e entidades de Galicia e do norte de Portugal reuniranse para amosar o mellor da súa oferta cultural, patrimonial e gastronómica. Durante a fin de semana haberá visitas guiadas, catas de viños, degustacións gastronómicas, concertos, exposicións, obradoiros infantís e exhibicións de artesanía en vivo, entre outras actividades.

Sarria preparou un extenso programa para animar toda a fin de semana do 2 ao 4 de maio. Cada día da feira estará dedicado a un ámbito territorial distinto: o venres a Galicia, o sábado a Europa e o domingo a Portugal. Entre os actos destacados están tres visitas guiadas sobre o Camiño Francés, as antigüidades locais e a vida de Matías López, empresario e chocolateiro de Sarria, dirixidas por expertas como Silvia Mondelo. Tamén haberá unha exclusiva cata de viños galegos e portugueses para un grupo reducido de asistentes.

A música terá un papel protagonista, con concertos de diversos estilos, incluído un tributo a ABBA, a actuación da banda local Louband e o peche a cargo do grupo sarrián Clarisaxos. Para os máis pequenos organizaranse obradoiros de chocolate, maxia e creación de instrumentos con materiais naturais, mentres que os adultos poderán participar nun obradoiro de baile tradicional galego.

O domingo 4 de maio, Sarria renderá homenaxe a Portugal cunha sesión vermú de fados a cargo da cantante Iria Estévez. Ademais, na mesma fin de semana Sarria acollerá eventos deportivos como a Pretorian Race e un rally de coches clásicos organizado polo club Clásic@s Sarria.

Expocidades é unha iniciativa promovida polo Eixo Atlántico que fomenta o turismo de proximidade e o intercambio cultural entre Galicia e o norte de Portugal. Durante tres días, Sarria converterase nun escaparate da riqueza e diversidade do territorio atlántico.

O programa pode consultarse aquí Programa de actividades Expocidades

Artigos relacionados

Back to top button