En portadaÚltima hora

“Se non demostramos forza na rúa o 22 de novembro, o Hospital de Valdeorras está perdido e a primaria tamén”

Os voceiros da Plataforma Sanitaria de Valdeorras convocaban unha rolda de prensa esta mañá para animar á sociedade a participar na manifestación do vindeiro sábado no Barco

 

Frear a recentralización sanitaria en Ourense, recuperar persoal médico e de enfermería no Distrito Sanitario de Valdeorras e os servizos perdidos no hospital do Barco, ter unhas lisas de espera “asumibles e transparente”. Son algúns dos motivos polos que a sociedade valdeorresa debería saír á rúa o vindeiro 22 de novembro ás 18h. no Barco con motivo da manifestación en defensa dunha sanidade “pública e de calidade, tal e como aseguraban dous dos voceiros da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, convocante do acto, Suso Vilasánchez e Orlando Saavedra na rolda de prensa que convocaban este 19 de novembro no multiusos do Barco.

“A realidade é que temos un sistema sanitario que está sendo desmantelado de forma premeditada e inmisericorde. E se o Hospital do Barco aínda non se ten convertido nun centro de especialidades é pola presión da cidadanía, porque ese é o seu intento. Calquera persoa, entidade ou empresa con sentido común sabe que tes que ofertar o que a sociedade precisa, porén, o que fai o sistema sanitario co Distrito de Valdeorras é todo o contrario, nós quereríamos que se adaptase aos problemas da sociedade, pero vemos que non é así”, dicía Suso Vilasánchez, “e unha forma clara de entendelo é a cuestión da neumoloxía. Nós temos un grandísimo problema coa silicose e sistematicamente se negan a dotar dunha praza de neumólogo a este hospital, cando seguramente faría falta un servizo de Neumoloxía”.

Para Vilasánchez a falta de especialistas neste hospital “non é cuestión de non atopen facultativos, senón a que este distrito está condenado e se non morreu aínda foi pola presión cidadá”. Tamén aseguraba que falta información sobre cal é realmente o número de especialistas que realmente teñen praza no Hospital Público de Valdeorras, “a realidade é que non sabemos exactamente cales son as prazas orzamentadas, no 2023 dixéronnos que 68, e nos deron un cadro de especialidades cunha xente orzamentada e aí desaparecera uroloxía, ao ano seguinte eran 67 e había 22 vacantes e apareceu outra vez uroloxía, agora parece ser que son 73 as prazas que hai no hospital, das que 11 están sen cubrir, nelas tampouco se mencionan as xefaturas de servizo. Nós queremos a recuperación dos servizos que tiñamos”.

Por outra banda, Vilasánchez mencionaba unha serie de demandas que se lle fan dende a Plataforma Sanitaria de Valdeorras ao Sergas como son a constitución do Consello de Distrito, coñecer a realidade das patoloxías que existen en Valdeorras, “non se dan datos”, así como un estudo de prevalencia de silicose no distrito, “tamén pedimos a reconversión das plantillas ás necesidades”, e “queremos saber que fai este hospital e pedimos información sobre o número de intervencións cirúrxicas do 2023 e 2024, sobre o número de consultas externas, sobre o número de traslados en ambulancia e non nos responderon”.

Ademais, comentaba que “a xente nos comenta pola rúa que desaparecen citas dos buzóns, hai persoas que están esperando unha cita e de pronto desaparece e segue esperando por algo que non vai suceder e cando preguntamos dixeron que eras erros informáticos. Sabemos que as reclamacións de paciente se teñen contestado en branco e temos forma de demostralo e sabemos tamén que se están arquivando e non se están respondendo en moitos casos. Os cadros de persoal tampouco hai quen os saiba”. E, engacía Vilasánchez, “se entramos en primaria observamos como se pechan consultas médicas unitarias 15 días porque o médico está de vacacións, pasou en Vilariño de Conso, e como se desmantela a atención primaria, que perdeu médicos, non hai pediatra, tampouco temos xeriatras…”.

Vilasánchez concluía asegurando que, “en definitiva, non lles importamos, e por iso estamos a convocar esta manifestación e, sobre todo, porque cremos que se non demostramos forza este hospital está perdido e esta primaria tamén”.

 

 

Pola súa banda, Orlando Saavedra, concelleiro de Sanidade do Barco, explicaba que a situación sanitaria actual non “é agora que emerxera agora, senón que levamos anos e isto ten que ver realmente cos proxectos de xestión que ten o Sergas para Valdeorras. Está claro que non somos unha prioridade e non atoparon a forma de xestionar correctamente, polo tanto cada vez vaise deteriorando máis. Un só exemplo é o tema da pediatría, hai un ano desapareceron os pediatras de Atención Primaria, buscouse unha solución con médicos puericultores que fan o seu traballo da mellor forma posible, pero a presenza dos pediatras no sistema é unha esixencia da calidade do sistema. Hai un ano díxose que iso era transitorio e que se ía resolver, pero xa estableceu como definitivo porque seguimos sen pediatra”.

Saavedra indicaba tamén que “este tipo de situacións vanse multiplicando cada día máis e o hospital vai perdendo, din que hai consultas e moitos médicos, pero a capacidade resolutiva, de produción que ten este hospital vaise perdendo cada día máis. Agora calquera situación, faise unha consulta e mándase o paciente a Ourense e o número de pacientes que van para alá multiplícase, e iso significa que a calidade deste hospital diminúe. E os custos de traslado dos pacientes e dos familiares a Ourense cústeaos cada un dos familiares. E iso significa que a un cidadán de Valdeorras cústalle máis a atención sanitaria que a un de Ourense, de Vigo ou da Coruña. Isto non é un capricho, a verdade é que a plataforma encheuse de asociacións e xente nova que emerxe nas súas necesidades”.

E concluía asegurando que na “necesidade de saír á rúa, porque senón parece que non existimos porque teñen que darse conta de que a responsabilidade de darnos solucións tena o Sergas, a Consellería de Sanidade”.

 

 

 

 

Back to top button