A RúaConcellosÚltima hora

Segue a preocupación e o malestar entre a veciñanza polo fume que sae do vertedoiro ardido na Rúa

O Concello prevé dar unha rolda de prensa mañá en relación a este tema

 

Unha semana despois do inicio do incendio de Larouco que leva arrasadas máis de 20.000 hectáreas e atravesados todos os concellos de Valdeorras, o lume está practicamente controlado na comarca, pero máis alá dos danos naturais e materiais, que son moitos, os seus efectos séguense notando.

Un deles é o fume aínda presente en xeral e do vertedoiro da Rúa en particular, cunha densa nube negra pola que a veciñanza amosa a súa preocupación e malestar. “Levamos unha semana sen poder abrir as fiestras e respirando ese fume tóxico. Imos enfermar”, queixanse os veciños pedindo que se tomen as medidas necesarias por parte de quen corresponda.

“A día de hoxe o vertedoiro segue ardendo e non se nos ten informado nin dos niveis de contaminación aos que estamos expostos nin de calidade do aire nin da agua, para saber que tipo de protección temos que utilizar”, din, recoñecendo que saben que se está traballando nelo “pero os niveis non chegan, e xa van 6 días ardendo material de automoción acumulado entre outros que non sabemos”.

 

 

Dende o Concello explican que foi o pasado venres cando o lume entrou no municipio da Rúa precisamente polo vertedoiro que está situado no lado sur da N-120. “Esta entrada provocou unha nube negra derivada dos compoñentes plásticos que ten o retal de moqueta alí almacenado e desde ese momento a recomendación foi a mesma que agora: uso de máscara e non saír á rúa se non é imprescindible”, explicaban o luns 18 de agosto.

Na tarde do martes e tal como informan dende a Alcaldía “técnicos do Concello acompañados de persoal da UME desprazáronse até o vertedoiro de residuos non perigosos para valorar e consensuar as necesidades técnicas para o selado do mesmo”, mentres que “o antigo vertedoiro de inertes, que se sitúa na contorna da planta de SOGAMA e a canceira comarcal, que tamén estaba a tramar de forma contínua, foi selado por parte do propio Concello”.

E xa na mañá deste mércores, como veñen facendo cada día dende a entrada do incendio na Rúa, o Concello informaba da situación, asegurando que “seguimos á espera dos resultados de calidade do aire, aínda que os datos preliminares arroxan datos similares ao resto de concellos afectados polo lume”. Con todo mañá, a alcaldesa dará unha rolda de prensa en relación a este tema.

Fotos cedidas.

 

 

Back to top button