
Unha vez estabilizados os incendios de Requeixo e Parafita en Chandrexa, arestora permanecen activos dous incendios de máis de 20 hectáreas en Galicia, ambos na provincia de Ourense, os de Carballeda de Valdeorras-Casaio e de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, malia que neste só se mantén activo o foco de Vilariño, segundo a actualización feita pola Consellería do Medio Rural con datos recollidos ata as 09.30 horas deste domingo.
ACTIVOS
Carballeda de Valdeorras-Casaio
Segue activo, desde as 18.42 horas do luns 18, o lume do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 4.000 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 técnicos, 37 axentes, 63 brigadas, 28 motobombas, 4 pas, 12 helicópteros e 11 avións.
Estabilizados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e activo o de Vilariño de Conso-Mormentelos
Continúa activo o lume de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso (Mormentelos), malia que evoluciona favorablemente tras terse estabilizado os focos de Parafita e Requeixo. Estes incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que continúa activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 165 axentes, 223 brigadas, 118 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ESTABILIZADOS
Estabilizado Larouco-Seadur
Ás 11.25 horas de onte sábado quedou estabilizado o incendio iniciado o mércores 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 53 técnicos, 232 axentes, 308 brigadas, 241 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
A totalidade deste lume está xa estabilizado. O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. O foco iniciado en Oímbra-A Granxa deuse por estabilizado ás 22.29 horas do venres 22, e así súmase ao que xa fora igualmente estabilizado ás 02.45 horas do martes 19, correspondente a Xinzo de Limia-Gudín. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 159 axentes, 221 brigadas, 131 motobombas, 6 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 32 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A Mezquita-A Esculqueira
Permanece estabilizado, desde as 21.20 horas deste venres, día 22, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciaba o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 50 axentes, 69 brigadas, 55 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas
O venres 15 ás 16.38 horas iniciábase o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só, que está estabilizado desde o xoves 21 ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 104 axentes, 183 brigadas, 102 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
Vilardevós-Vilar de Cervos
Desde as 23.44 horas do martes 19 está estabilizado o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado mércores 13 ás 18.09. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 22 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.
Riós-Fumaces e a Trepa (anteriormente Vilardevós-Fumaces e a Trepa)
Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o incendio iniciado ás 17.41 horas do xoves 14 no concello de Riós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións. Este lume aparecía ata o de agora iniciado no veciño concello de Vilardevós, na parroquia homónima de Fumaces e a Trepa.
Riós-Trasestrada
Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o lume que comezou o luns ás 14.33 horas do luns 18 no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 3 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.
CONTROLADOS
Montederramo-Paredes
Está controlado desde as 22.05 horas do venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Vilardevós-Moialde
Ás 21.20 horas do venres 22 quedou controlado o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns 11. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 600 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 28 axentes, 44 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas do venres día 22. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 97 axentes, 157 brigadas, 87 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).