ConcellosO BarcoÚltima hora

Seguen as mobilizacións no Barco de apoio a Palestina

 

O Barco era unha das 44 localidades galegas que acollían na tarde deste 22 de setembro concentracións de apoio ao pobo palestino, convocadas ás 20h. pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, baixo o lema “2 anos de xenocidio, 77 anos de ocupación”.

O acto tiña lugar na praza do Concello do Barco ás 20h. e incluía a lectura dun manifesto, elaborado pola mesma coordenadora, no que se denunciaban os ataques israelíes sobre Gaza. “Non podemos falar só destes últimos 2 anos: temos que falar dos 77 anos de ocupación que desmembraron a Palestina histórica e deron lugar á Faixa de Gaza”.

Ademais o manifesto, ao que lle poñía voz unha veciña, Aurora, chamaba á sociedade a seguir mobilizándose, cun acto a nivel galego o vindeiro 5 de outubro, “nas vésperas de que o xenocidio cumpra o seu segundo ano, para repudiar a vergoñenta pasividade ou directamente o apoio aos sionistas por parte de quen nos goberna e para exixir que os culpábeis deste regueiro interminábel de crimes de guerra e contra a humanidade sexan dunha vez detidos e xulgados. É esencial que nos impliquemos cada unha e cada un de nós en espallar esta convocatoria nacional, asegurando asistencia e desprazamentos desde todas as comarcas do país, para dar continuidade a esta mobilización”. A concentración concluía entre consignas como “Galiza con Palestina! Palestina Vencerá!”.

Fotos cedidas.

Back to top button