
A Deputación de Ourense vén de comunicar, a través de nota de prensa, que está a traballar “dende as primeiras horas para atender as incidencias provocadas polas fortes tormentas e chuvias torrenciais rexistradas nas últimas horas en distintos puntos da provincia, mobilizando medios humanos e materiais para garantir a seguridade viaria e colaborar na recuperación da normalidade”.
A través da Área de Infraestruturas e do Parque de Maquinaria, a institución provincial está a actuar de maneira prioritaria na rede viaria da súa titularidade, “ao tempo que mantén unha coordinación permanente cos concellos afectados para avaliar as necesidades máis urxentes e determinar os recursos dispoñibles para dar resposta aos danos ocasionados polo temporal”.
No concello de Viana do Bolo permanecen cortadas ao tráfico as estradas provinciais OU-0903, entre os puntos quilométricos 9+000 e 14+000, e a OU-0904, entre os puntos quilométricos 4+500 e 8+400. Na zona están a traballar a brigada de conservación de Viana do Bolo con dúas máquinas mixtas, unha retroescavadora, unha motoniveladora e dous camións, co obxectivo de retirar arrastres, limpar as vías e restablecer a circulación canto antes.
Pola súa banda, en Vilamartín de Valdeorras rexístranse incidencias na estrada provincial OU-0807, entre os puntos quilométricos 4+000 e 7+000. A circulación permanece aberta, aínda que se están a retirar arrastres provocados polas intensas precipitacións. Neste punto está a actuar a brigada de conservación do Barco de Valdeorras cunha máquina mixta e un camión.
En materia de emerxencias, os parques de bombeiros comarcais da Deputación de Ourense en A Rúa e Verín permaneceron mobilizados en todo momento para atender as incidencias derivadas deste episodio meteorolóxico adverso, colaborando nas tarefas de seguimento, asistencia e resposta ás situacións de risco rexistradas nas zonas afectadas.
Ademais das actuacións na rede provincial, a Deputación de Ourense colaborará cos concellos afectados a través do Parque de Maquinaria, valorando en cada caso as actuacións máis urxentes e os medios dispoñibles. Esta colaboración prestarase especialmente nos municipios de Vilamartín de Valdeorras, Viana do Bolo e Vilardevós, sen prexuízo de atender outras necesidades que poidan xurdir noutras localidades da provincia.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou que a prioridade da institución é “garantir a seguridade das persoas e contribuír a recuperar a normalidade o antes posible”. Neste sentido, subliñou que a Deputación “está a actuar nas súas estradas provinciais e manterá a máxima colaboración cos concellos afectados, poñendo á súa disposición os medios técnicos e humanos dos que dispón a institución para afrontar esta situación”.
A resposta da Deputación estase a desenvolver de forma coordinada a través das áreas de Infraestruturas, Emerxencias e Parque de Maquinaria, combinando as actuacións na rede viaria provincial coa colaboración directa cos concellos afectados para contribuír á recuperación da normalidade no menor tempo posible.
A institución provincial continuará realizando un seguimento permanente da evolución das incidencias e manterá despregados os recursos necesarios para garantir a seguridade da cidadanía, recuperar a normalidade nas comunicacións e apoiar aos concellos afectados por este episodio meteorolóxico adverso.

