
A Ruta do Viño de Valdeorras celebraba este sábado a segunda das actividades do programa “Recorre Valdeorras” levado a cabo polos guías de Valdeorras é Viño enoturismo. Os participantes, procedentes na súa maioría da provincia de Ourense, visitaban pola mañá o municipio do Bolo, onde podían ver o Santuario das Ermidas e o Castelo da vila, as dúas con visita guiada ofrecida polo servizo de información turística do concello.

A continuación tiña lugar un xantar no restaurante A Capilla do Bolo e pola tarde facían unha visita a Petín, para ver a ponte da Cigarrosa e o miliario situado xunto a ela. Despois visitaban a Adega Quinta da Peza, na Rúa. A actividade de “Recorre Valdeorras” remataba cunha merenda na Rectoral de Seadur (Larouco) e coñecendo a súa contorna. Esta era a segunda ruta despois deste programa, que se iniciaba o pasado 11 de outubro.
Fotos cedidas.
