
Un ano máis, os alumnos do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, teñen a posibilidade de coñecer de primeira man, os plans de estudos das diferentes universidades galegas e doutras comunidades. Tal como explica Plácido Blanco dende o departamento de Orientación, tódolos anos se renova a presentación desta iniciativa e este ano “optouse por conferencias que se irán incluíndo no ámbito escolar no horario habitual do centro”.
Así, a 5ª Semana da Orientación inaugurábase o martes 4 de febreiro, coa participación da Universidade de León (Campus de Ponferrada) e profesorado de Vigo, que se achegaron ata o instituto vianés para falar da carreira de Administración e Dirección de Empresas (A.D.E.). A próxima cita será o 14 de febreiro, coa presenza do Centro Superior de Hostalaría de Galicia.
E xa de cara aos vindeiros meses completarase o programa con conferencias dos diferentes centros. “Agora mesmo solicitaron participar nestas xornadas sete universidades, públicas e privadas, así como numerosos centros”, explican dende o departamento de Orientación do IES Carlos Casares, organizador das xornadas que contan coa colaboración de todo o profesorado.
Texto: Mónica G. Bellver