
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras desenvolverá entre os días 17 e 20 de marzo unha completa programación de actividades de saúde comunitaria dirixidas á poboación xeral e ao ámbito escolar. As sesións terán por obxectivo fomentar hábitos saudables, previr enfermidades e achegar a educación sanitaria á cidadanía desenvolveranse nos concellos de San Cibrao das Viñas, Xinzo de Limia, Chandrexa de Queixa e Ourense, en centros educativos como o CEIP José García García, CEIP Rosalía de Castro, CEIP Curros Enríquez, IES Curros Enríquez e IES Luis Vives, así como en dispositivos asistenciais e comunitarios como os centros de saúde de Nóvoa Santos, Chandrexa de Queixa e A Ponte, ademais da parroquia de San Pío X (Mariñamansa).
O martes 17 de marzo celebraranse tres actividades. Ás 9:00 horas terá lugar o obradoiro de hixiene bucodental “Mira que boca” no CEIP José García García de Mende. Ás 9:30 horas desenvolverase a charla “Prevención de condutas de risco: A revolución teenager” no IES Curros Enríquez. Ás 10:00 horas impartirase o obradoiro “Vivir ben con diabetes” no local do Concello de San Cibrao.
O mércores 18 de marzo concentrará a maior parte das intervencións. Ás 10:00 horas repetirase o obradoiro de hixiene bucodental “Mira que boca” no CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia. Ás 10:30 horas ofrecerase a sesión “Alimentación complementaria na infancia” no Centro de Saúde Nóvoa Santos. Ás 11:30 horas desenvolverase a charla “Cancro colorrectal: Importancia do cribado” no Centro de Saúde de Chandrexa de Queixa.
Ese mesmo día, ás 12:30 horas terá lugar a actividade “Prevención de condutas de risco: A revolución teenager” no IES Luis Vives. Pola tarde, ás 16:30 horas impartirase a charla “Como manter unha boa saúde bucodental” na parroquia de San Pío X (Mariñamansa), e ás 18:00 horas a sesión “Prevención da dor lumbar” na sala de xuntas do Centro de Saúde da Ponte.
O venres 20 de marzo celebraranse dúas actividades. Ás 9:30 horas impartirase novamente a charla “Prevención de condutas de risco: A revolución teenager” no CEIP Curros Enríquez, e ás 13:00 horas desenvolverase a sesión “Prevención da dor lumbar” na sala de xuntas do Centro de Saúde da Ponte.
Educación sanitaria próxima á cidadanía
Estas intervencións forman parte da estratexia de Atención Primaria para promover o autocuidado e a prevención, fóra dos centros sanitarios, achegando información práctica á poboación no seu contorno habitual.
A saúde comunitaria constitúe unha liña prioritaria do sistema sanitario público galego, con obradoiros e actividades que buscan mellorar a calidade de vida, previr patoloxías e apoiar o manexo das enfermidades crónicas en barrios, concellos e centros educativos.
As actividades están deseñadas para distintos grupos de idade e necesidades, desde a infancia e adolescencia ata a poboación adulta, e abordan ámbitos clave como a saúde bucodental, a alimentación, a prevención de condutas de risco, o manexo de enfermidades crónicas ou a prevención da dor musculoesquelética.