Emotiva á par que divertida, musical e mesmo poética, con nostalxia e lembranza pero con grandes doses de alegría, como era el. Así era a homenaxe que na tardiña deste sábado 21 de febreiro, a dúas semanas do seu cabodano recibía Suso Rocha dos seus compañeiros de acordeón, moitos e moi queridos para el.
O Centro Cultural Avenida da Rúa era o lugar escollido para o acto no que participaban as tres agrupacións nas que tocaba Suso, natural de Veigamuíños (O Barco de Valdeorras) que falecía o 1 de marzo de 2025. Trala presentación dun emocionado Manolo Durán, compañeiro en Abertal, comezaba cun pase de imaxes do sempre sorrinte Suso en diferentes momentos da súa vida vencellada ao instrumento que tanto lle gustaba. Despois emitin un poema escrito por Camilo Valdehorras e de seguido viñan as actuacións.
O grupo de acordeóns da Escola de Música e Baile Tradicional Abertal, dirixido por outro Suso, máis xove e apelidado Lorenzo, interpretaba dúas pezas; o grupo de acordeóns de Manzaneda Airiños da Porta Falsa, dirixidos por Manuel Olegario (anterior profesor de acordeón en Abertal) algunha máis e o propio Olegario tocaba unha en solitario; igual que o grupo de Cantos de Taberna De Abertal, “o que máis lle gustaba a Suso, cantar e tocar polos bares e covas”, dixo Durán, antes de que todos os músicos presentes subisen ao escenario para pechar o acto conxuntamente.
Unha bonita forma de lembrar a un home e un músico que deixou pegada.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.