Unha fonda tristura e unha forte emoción marcaba a sentida homenaxe que esta tarde lle rendían os moteiros de diferentes clubs de Galicia, e mesmo do Bierzo, ao motorista que falecía hai dous días en Quiroga nun accidente de tráfico, coincidindo co seu funeral. Unhas 170 motos (dos moto clubs A Curuxa de Quiroga, Vald’Ouro, Motoristas Unidos, Esquíos de Trives e Cuervos Rojos de Toral dos Vados) escoltaban o seu féretro dende o tanatorio de Quiroga ata a igrexa da Ribeira e, despois, diririxíanse ao lugar onde se producía o sinistro, na LU-933, á altura de Nocedo.
Unha vez alí, as motos situábanse a dereita e esquerda, mentres a Garda Civil de Tráfico regulaba a circulación, e deixaban unha coroa de flores na súa memoria.
“El era amigo meu e tiñamos falado que se algún día pasaba isto, pois había que facer unha homenaxe coas motos e despois tomar unhas cervexas. Falámolo co moto club de Quiroga, do que son socio, e tamén coa súa familia e saíu adiante. Viñeron moitos amigos de toda Galicia e fixémoslle esta homenaxe. Ao pasar o féretro o que facemos os moteiros é acelerar”, explica Gonzalo, amigo do mozo falecido.
A homenaxe finalizaba cunha reunión dos moteiros no Bar Las Vegas de San Clodio, onde se colocaba a imaxe do mozo, xunto a unha candea e un recordatorio. Alí os asistentes compartían unhas cervexas e uns petiscos (cortesía do establecemento). Deste xeito despedían ao seu compañeiro e amigo.
Fotos e vídeos: O SIL.