Leva toda unha vida vencellado ao CD Barco, a maior parte como membro activo do club nas funcións de masaxista, pero tamén como un dos máis fieis seareiros que, a excepción da tempada que os problemas de saúde o mantiveron afastado, non perde un partido, fiel seguidor do equipo dende a bancada. Por iso a directiva do club barquense tiña a ben realizarlle unha sinxela pero sentida homenaxe. “Mellor en vida”, asegura o presidente, Nilo Ramos.

Na tarde deste domingo 7 de decembro, Juan Luis Méndez López, “Juanín”, era o protagonista do partido de liga que enfrontaba no campo municipal de Calabagueiros ao CD Barco de Terceira Federación e ao Atlético Arteixo, facendo o saque de honra.
Para o acto saían tamén ao terreo de xogo varios ex xogadores do Barco que compartiron xogo e historias con “Juanín” ao longo dos anos e diferentes tempadas, agasallándoo cunha camiseta. O presidente actual, pola súa banda, entregáballe un pin.


Nervioso, visiblemente emocionado e agradecido, o homenaxeado adicaba o saque ao seu fillo enviando un bico ao ceo, lembrándose de todos os que xa non están, especialmente do ex presidente, Miguel Fariñas, e asegurando que grazas ao fútbol e concretamente ao CD Barco, coñeceu a moita xente boa da que garda un bonito recordo.
De seguido comezaba o partido que se resolvía coa derrota local 0-3, un resultado que sitúa ao Barco ás portas dos postos de descenso. O seguinte partido para os de Lino Estévez será no difícil campo do Arousa, segundo clasificado.

Fotos: Carlos G. Hervella.