ConcellosÚltima horaVídeosVilamartín

“Sentínomos completamente abandonados, sen ningún tipo de axuda de organismos oficiais ata que xa todo foi demasiado tarde”

Así o aseguran dende o Concello de Vilamartín de Valdeorras tras un dia e unha noite infernais rodeados polo lume

O lume no Pazo dos Cabaleiros./ Foto cedida.

 

Tras unha noite infernal con boa parte do municipio en chamas, o Concello de Vilamartín de Valdeorras emitía xa de madrugada un comunicado a través das redes sociais no que aseguraba que “hoxe foi un día moi crítico e especialmente duro para o noso concello. Levamos unha semana rodeados de incendios… e hoxe tocounos a nós”.

Lamentan terse sentido “completamente abandonados, sen ningún tipo de axuda de organismos oficiais ata que xa todo foi demasiado tarde”. Organizábanse como puideron, “con veciños e voluntarios traballando arreo para tentar frear o imparable cos poucos medios que temos. Está a ser unha auténtica catástrofe, afortunadamente polo momento non lamentamos ningún dano persoal, pero por avaliar están os moitísimos danos materiais…”

 

Lume en Vilamartín.

 

O lume rodeounos por todas partes. “Foi un auténtico caos. Sen ningunha axuda saímos adiante, con forza.
Estamos a ratos sen conexión, luz e nalgúns puntos case sen auga. Tentamos manter aos veciños informados en todo momento pero foinos imposible. Os teléfonos non funcionaban, nin nos podíamos comunicar entre os voluntarios”, din con pesar agardando “de corazón que todos esteades ben e xuntos cando todo pase poidamos plantar fronte a este abandono. Valdeorras non merece isto, nós non merecemos isto”, din dando as grazas a “todos os que estivestes aí, aos voluntarios, aos que trouxeron comida, bebida e mascarillas, aos veciños que ofrecestes os vosos tractores, coches e todo o voso esforzo”.

 

 

Seguen con punto de encontro na zona do Bañadoiro, seguindo con especial preocupación a evolución do lume en Cernego e tamén Correxais, Arnado e Penouta que por precaución deben desaloxar. Tamén están pedindo auga embotellada. “Debido ao gran consumo de auga preciso para a extinción e á cantidade de residuo depositada no aire non temos capacidade para potabilizar de xeito eficiente a auga da traída polo que se recomenda o uso de auga embotellada para consumo nos próximos días”, aseguran.

 

 

As imaxes que nos están chegando dende pobos como San Vicente de Leira son terroríficas coas casas totalmente queimadas. Non hai palabras. A situación non é mellor en Correxais para onde piden medios urxentes.

 

Casa queimada en San Vicente./ Foto cedida.

 

As últimas novas que nos chegan indican que o lume “comeza a baixar a Valencia do Sil” e tamén se acerca a Penouta.

 

O lume aproximándose a Penouta.
Back to top button