
O Concello de Quiroga ten en marcha o programa “Seráns de cine e teatro”, un programa que recolle as representacións teatrais e as proxeccións de cine galego que se desenvolverán durante os meses de novembro e decembro.
O programa comezará xa este venres día 7 de novembro ás oito do serán na Casa da Cultura, coa proxección e coloquio da curtametraxe “Pura”, mellor cutametraxe dos Premios Mestre Mateo 2025. Esta actividade está pratrocinada pola área de cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.
O domingo 9 de novembro o Auditorio Municipal acolle ás sete da tarde, unha produción do Centro Dramático Galego, o teatro acrobático “Serie Clopen”. Esta actividade patrocinada pola Xunta de Galicia, ten as entradas á venda na web ataquilla.com ao prezo de 5€.
O sábado 29 de novembro ás seis da tarde, na Casa da Cultura, proxectarase a película “Antes de Nós”, dirixida por Ángeles Huerta e escrita por Pepe Coira. A película, sobre Castelao, conta co patrocinio da área de cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.
Para o mes de decembro están programadas tres representacións teatrais. O venres día 19, no Auditorio Municipal, ás seis da tarde, o grupo Galeteatro, presenta a obra “Berenguela na Gaiola”.
O domingo 21 de decembro, a partir das seis da tarde no Auditorio Municipal o grupo humorístico Trípode, presentará o teatro “A Presa”. E o día 29, tamén no Auditorio Municipal ás seis da tarde, “A viaxe do Señor López” a cargo de Señor López Producións.
Estas tres obras de teatro contan co patrocinio da área de cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.