A Pobra de Trives acollía esta mañá unha sesión de Ioga e Pilates Terapéutico incluída na programación do Programa Exeria, coa que se buscou promover o benestar físico e emocional da veciñanza. A actividade, aberta ao conxunto da poboación, rexistrou unha boa participación, confirmando o interese da cidadanía por iniciativas que combinan coidado corporal e saúde mental.
A través de exercicios de respiración, estiramentos e traballo postural, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de conectar co seu corpo, reducir tensións e mellorar a súa calidade de vida nun espazo seguro e accesible.
O Programa Exeria, impulsado polos concellos de A Pobra de Trives, Barbadás e Ramirás co apoio da Xunta de Galicia e dos Fondos Europeos, continúa con diversas actividades durante os meses de verán e accións formativas orientadas a fomentar o apoderamento e a inclusión social, especialmente de mulleres en situación de vulnerabilidade, pero tamén promovendo dinámicas de coidado abertas á comunidade. A seguinte cita en Trives será este mesmo luns, cun taller de “Mindfulness. Benestar físico e emocional” ás 10.30h na Sala Blanca de Santa Leonor.