
A XIX Feira do Viño de Monterrei contará cun amplo programa de actividades, aptas para todas as idades, que darán comezo o segundo día do evento, tras a xornada inaugural do día 7 de agosto.
O sábado 8 de agosto ás 13.00 horas os asistentes poderán desfrutar dun Showcooking con produtos de Experiencias de Calidade “Alquimia Atlántica na cociña de Monterrei 2026” con Begoña Vázquez (Premio mellor cociñeiro de Galicia 2024) e Miguel López (director técnico do Consello Regulador do D.O. Monterrei) harmonizado musicalmente con José Manuel Salgado (profesor do Conservatorio de Música de Verín).
Ese mesmo día, ás 20.00 horas, levarase a cabo a Cata “Todos vos camiños levan a Monterrei. Pasado – Presente – Futuro”, comentada pola prestixiosa catadora Mariña Fernández Toro (Membro Agasu. WSET Nivel 3) quen nos levará a través do tempo cos viños do D.O. Monterrei.
Na xornada do domingo 9 de agosto, ás 13.00 horas, terá lugar o Showcooking con produtos de Experiencias de Calidade “Sabores auténticos: Fusión de conservas ecolóxicas con viños da D.O. Monterrei” con Jose Luis Prieto (Chef e Xerente de O Segredo do Retiro, restaurante con recomendación na Guía Michelin) e Miguel López (director técnico do Consello Regulador da D.O. Monterrei) harmonizado musicalmente con José Manuel Salgado (profesor do Conservatorio de Música de Verín).
As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición. As mesmas realizaranse no espazo de showcooking, situado no parque da Alameda, e para participar nalgunha delas será necesario formalizar a inscrición realizando a solicitude no correo electrónico info@domonterrei.com, a cota de participación será de 15 euros cada actividade.
Doutra banda, e dirixido ao público infantil, durante as xornadas do 8 e 9 de agosto, o interior da Alameda será tamén o escenario para a realización de diferentes xogos populares. Ambos os días entre as 20:00h e as 22:00h os máis pequenos da casa poderán desfrutar, sen inscrición previa de xogos como o 3 en raia, o tangram ou a ra, entre outros.
