
O Concello de Sober ofrece o vindeiro 12 de agosto unha degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo coa colaboración de Queixos Prado. A proposta forma parte da programación da XXIX Feira da Rosca, Mel e outros Produtos da Ribeira Sacra e o VIII Túnel do Viño de Amandi, que se van celebrar o martes 11 e o mércores 12 de agosto.
Programación
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) ofrece o día 11 unha experiencia gastronómica gratuíta con produtos galegos 100% na Praza do Concello. En concreto, o cociñeiro soberino Martín Mantilla será o encargado do menú a partir das 21:00 horas. Ao mesmo tempo actuará o grupo DosEnPunto.
12 de agosto
Ás 10:00 horas terá lugar a apertura dos postos, entre os que haberá tres stands para mercar roscas, así como máis dunha ducia de vendedores con produtos da zona, artesanía ou olería tradicional.
Ás 10:30 horas haberá unha demostración de xoiería e forxa dentro do programa Mans artesáns da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Entre as 11:00 e as 13:00 horas haberá un obradoiro de fieltro a cargo de Ovella Viva.
Ás 12:00 horas dará comezo a actuación do grupo tradicional Os Ministreles.

Túnel do Viño de Amandi
O VIII Túnel do Viño de Amandi abrirá as súas portas o martes ás 19:00 horas. No evento, organizado por Vinosacra, participan 25 adegas e 50 referencias de viños da subzona de Amandi e Sober que se poden degustar nunha carpa instalada na Praza do Concello. Colabora ademais a empresa cárnica lucense Torre de Núñez.
O Túnel no que degustar os viños de Amandi estará aberto ata as 23:00 horas. O mércores abrirá en horario de 11:00 a 15:00 horas.
Fotos cedidas.
