Asociación Cultural Fulión ultima os preparativos para celebrar a XII Feira Medieval de Sobrado de Trives, que terá lugar na fin de semana do 2 e 3 de agosto, cunha programación repleta de actividades históricas, teatrais, gastronómicas e musicais que prometen transportar á veciñanza e visitantes ao corazón da Idade Media. A localidade converterase así nun escenario medieval, onde o público poderá gozar dun mercado artesanal con sete postos de creadoras e creadores, a súa maioría da contorna; ademais de recreacións históricas, desfiles, teatro e gastronomía local.

A programación arrinca o sábado ás 17h. coa apertura do mercado medieval. Ás 18h. terá lugar a tradicional reunión de damas e cabaleiros na praza, seguida do desfile de bandeiras e o traspaso do reinado. O acto de coroación e pregón do Rei, previsto para as 19h, marcará o punto álxido da xornada, que culminará cunha cea medieval ás 21h. ofrecida por Súa Maxestade e acompañada por produtos típicos: entremeses ibéricos, cordeiro e a imprescindible Bica de Trives, todo regado con viños e licores das adegas locais. Ás 23h. a compañía madrileña Juglar al Cinquillo traerá á escena a súa comedia Arsénico por compasión, poñendo o broche teatral á primeira xornada.
O domingo 3 de agosto, o mercado abrirá ás 12h. e dará paso ao tradicional desfile de adegas ás 13:30h. Xa pola noite, ás 23h, celebrarase unha das actividades máis esperadas da feira: a sentenza da Inquisición e queima da bruxa, seguida da actuación dun druída e a queimada final á medianoite.

Entradas e recomendacións
As entradas para a cea medieval teñen un prezo de 25 euros para socios e 30 euros para o público xeral. Os nenos e nenas menores de 12 anos pagarán 15 euros. A entrada para o percorrido polas adegas custa 15 euros. As entradas están dispoñibles na Casa Purita ou a través dos teléfonos 699 68 00 45 / 649 86 62 11.
Desde a organización, formada por unhas 15 persoas voluntarias da Asociación Cultural Fulión (que conta con arredor de 120 socios/as), lembran que “é imprescindible acudir caracterizado de época medieval, para mergullarse por completo nesta viaxe no tempo que cada verán converte a Sobrado de Trives nun referente cultural e festivo da comarca”.
