Como cada 24 de setembro, na xornada do xoves, celebrábase no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar o Día da Patroa de Institucións Penitenciarias, Nosa Señora da Mercé.
O acto central eran as intervencións institucionais e a entrega de recoñecementos presidido polo director do centro penitenciario ourensán, Francisco González, quen no seu discurso destacaba “o noso compromiso coa reeducación e a reinserción social”, asegurando que o Centro Penitenciario Pereiro Aguiar “continúa traballando cada día con dedicación e compromiso pola reeducación e a reinserción social dos nosos internos e internas”.
Explicou que o seu obxectivo non é só cumprir unha función, “senón acompañar as persoas privadas de liberdade e ofrecerlles oportunidades para crecer, aprender, adquirir habilidades e prepararse para a súa volta á sociedade. Cremos na responsabilidade de que todos e todas poidan reconstruír o seu camiño”. E neste labor, “os traballadores e traballadoras deste Centro Penitenciario son os que o fan posible; son os que día a día, cumpren o seu traballo grazas ao seu compromiso e dedicación persoal, polo que grazas a eles e a elas, o noso centro segue sendo un espazo de traballo, convivencia, seguridade e oportunidades”.

Na súa intervención, o director do centro explicou os programas e actividades que levan a cabo. “Unha parte esencial da nosa actividade diaria son os programas específicos de tratamento, dirixidos a atender as necesidades concretas das persoas privadas de liberdade e a ofrecerlles ferramentas reais para avanzar no seu proceso de cambio e reinserción social”. Peograna que permiten “traballar aspectos tan importantes como as condutas adictivas, a violencia de xénero, a saúde mental, o control da impulsividade, as habilidades sociais, a educación emocional, a responsabilidade persoal e a preparación para a vida en liberdade”. Detrás de cada programa hai “planificación, seguimento, avaliación e, sobre todo, moito compromiso profesional”, dixo facendo un recoñecemento especial “ao equipo técnico do centro: psicólogos e psicólogas, educadores, traballadoras sociais, xuristas e demais profesionais que participan no tratamento penitenciario”.
Francisco destacou asemade o papel “imprescindible” das entidades colaboradoras e das ONG, asegurando que “todo este traballo dos equipos profesionais e, en particular, o desenvolvemento dos programas específicos de tratamento, non sería posible sen a colaboración constante”, facendo unha mención moi especial a dúas entidades “que forman parte importante da historia de colaboración deste centro: APES – Prevención e Educación Social, que celebra o seu 18.º aniversario; e Proxecto Home Galicia, que celebra o seu 25.º aniversario.

Lembrou a Xornada de portas abertas na Administración, dentro da Semana da Administración Aberta 2026, permitiu que un grupo de 60 persoas coñecese de preto o funcionamento dun centro penitenciario; a charla-coloquio da Asociación de Adestradores de Ourense Afiador, impartida por Fran Justo, outra mostra do valor do deporte como ferramenta de formación e crecemento persoal; a exposición de pintura “A frase que me libera”; e mesmo a participación nas actividades relacionadas co Festival de Cine Internacional de Ourense permitiunos achegar a cultura cinematográfica ao centro penitenciario; as escolas de fútbol, baloncesto e actividades deportivas realizadas polo Pazo Deportes Paco Paz; e un sinfín de actividades que axudan a “seguir ofrecendo oportunidades e crendo nas persoas e que nunca esquezamos que detrás de cada condena hai unha vida que pode cambiar”, dixo nun discurso cargado de agradecemento a todos e cada un dos que fan posible “que este centro siga avanzando e que sigamos traballando xuntos por unha institución penitenciaria segura, profesional, humana e comprometida coa reeducación e a reinserción social”.
Neste día tan sinalado, dende o centro poñían en valor o esforzo, a dedicación e o compromiso demostrados polas internas e polos internos do Centro ao longo deste ano, entregando como recoñecemento a esta implicación e ao seu proceso de evolución persoal e tratamental, diplomas “ás persoas que destacaron especialmente polo seu traballo e participación nas distintas áreas do Centro” como Bryan (Premio á Evolución Terapéutica); Mario (Premio ao Rendemento Educativo); Javier (Premio á Deportividade); Francisco Javier (Premio ao Rendemento Laboral); e Yeimi Saavedra (Premio á Evolución Persoal).
Os reconoñecementos especiais e extraordinarios a funcionarios foron para o Xefe de Servizos Don José Manuel; para Funcionario de vixiancia o Don Daniel; para a Xefa de Servizos Dona Mª Dolores; e para o Funcionario de vixiancia Don Benito.

Os recoñecementos especiais e extraordinarios a entidades e persoas foron para a técnica de empleo e docente de fundación Erguete-Integración Dona Lucía Lavandeira García; para a profesora da facultade de Educación e Traballo social de universidade de vigo -campus de Ourense Dona Mª José Vázquez Figueiredo; e para a Directora da Residencia As Flores Dona Patricia Miguelez Sales , a traballadora da residencia, Dona Maria Alvarez de Nova, as usuarias da residencia DonaTeresa e Dona Maria Isabel.
A mención honorífica polo cumprimento satisfactorio e responsable das tarefas asignadas e acreditadas na traxectoria profesional ó longo de 25 anos de servicio foron para Funcionario de vixiancia Don Roque; Funcionario de vixiancia Don Javier; Funcionario de vixiancia Don Aser; Funcionario de vixiancia Don Jorge; e Funcionario de vixiancia Don Daniel.
A Secretaria Xeral de Institucións Penitenciarias, concedeu as seguintes Mencions honorificas penitenciarias Mercé 2026 ao Xefe de Área Mixta Don Martín; o Funcionario de Área Mixta Don Benito; o Funcionario de Área Mixa Don Manuel Carlos; e o Funcionario de Área Mixta Don Manuel.
Finalmente a Medalla de Prata Social Penitenciara foi para a terapeuta do programa Proxecto Home, Patricia Pérez Rodriguez; o secretario-coordinador provincial do Corpo de Letrados da Administración de Xustiza de Ourense, Marcos González Joly; e a xefa da sección-administradora de oficina da avogacía do estado en Ourense, Elisabet López Gama.

O encargado de pechar o acto, antes de escoitar o himno galego e o himno nacional de España, era subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, que ofrecía un gradecemento especial e agarimoso a Paco, director do Centro, remarcando a “súa valía, traballo profesional, vocación de servizo e capacidade de liderado neste equipo que sodes todos os traballadores da Institución”.
Asegurou que a Mercé “non se queda só, nunha festividade, senón que simboliza o día no que a sociedade recoñece a quen traballa no sistema penitenciario español. Un traballo, ás veces pouco visible, pero de una importancia extraordinaria para a sociedade española que puxo nas vosas mans o cumprimento dun mandato constitucional”, dixo Santos destacando que este é un ano “moi especial para toda a comunidade deste Centro que renova e moderniza as súas instalacións por completo: Novas celdas, novos espazos para funcionarios, melloras de eficiencia enerxética que suporán aforro e sostibilidade, intervencións en módulos, melloras en sistemas de comunicación… unha renovación necesaria que supuxo unha inversión de ata 6 millóns de euros que este goberno decidiu facer con absoluta convicción”.
Por todo, agradecía á comunidade do Centro de Pereiro o seu “compromiso e recoñecer o voso labor porque no interior destes muros non hai só persoas privadas de liberdade. Hai tamén persoas que traballan para que algún día eses muros deixen de ser necesarios para elas”.
Fotos cedidas.