CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Solidariedade con forma de música en Verín

A igrexa parroquial desta localidade acollerá o 10 de maio ás 17h. o “Concerto de Música Solidaria para Cáritas Verín”
Presentación deste concerto solidario en Verín.
Presentación deste concerto solidario en Verín.

Dende bandas sonoras de películas e músicas tradicionais de diversos países, ata composicións de autores clásicos de referencia, como Mozart, Bach ou Chopin, entre outros. Na tarde do 10 de maio soará un amplo e variado repertorio de temas na igrexa parroquial de Verín interpretados por membros do Conservatorio Elemental de Música desta vila ourensá. Será unha actuación moi especial co título “Música solidaria para Cáritas Verín”. O seu obxectivo é reunir fondos en favor de Cáritas Verín, a través da adquisición dunha entrada para acceder a este concerto, cun prezo simbólico dun euro -que se pode adquirir na propia Igrexa Parroquia desde as 16.30 horas.

“O Conservatorio Elemental de Música de Verín creouse para ofrecer a posibilidade de formación musical regrada. Concertos como este serven para que o alumnado e o profesorado do centro se involucren activamente na actividade concertística, que é a prolongación natural da formación musical, e traten de que tanto as familias vinculadas á comunidade educativa do centro como o resto dos veciños gocen da música ao vivo; e se ademais disto podemos axudar cos concertos ao financiamento de programas de socorro social que institucións como Cáritas desenvolven, a proposta concertística mellórase significativamente”, subliñaba a concelleira Corona Meixeira na presentación deste concerto o 8 de maio, un acto no que estivo acompañada polo tamén edil Víctor Baladrón, polo párroco de Verín, así como por representantes de Cáritas e do Conservatorio.

En anteriores edicións os concertos benéficos foron destinados para outras entidades como Save the Children -dentro da campaña ‘Dar a nota pola solidariedade’ nos anos 2010 e 2011, a favor de Costa de Marfil e Haití, respectivamente-, Unicef -no 2012- e xa o ano pasado para entidade de Cáritas Verín. “A realización deste concerto é importante por dobre motivo, primeiro porque é unha maneira de ver o traballo realizado polos alumnos durante o curso, e segundo por pensar en Cáritas, xa que vivimos un momento especialmente delicado, posto que hai moita xente que acude con necesidades de todo o tipo”, recordou o párroco verinense.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button