Cunha emotiva e bonita homenaxe se pechaba hoxe a novena de Santa Rita de Casia que mañá terá o seu día grande, no Barco de Valdeorras, con misas e bendición de rosas cada hora dende as 8 da mañá ata as 12 cando será a procesión.


Ás oito da tarde deste xoves 21 de maio a igrexa de Santa Rita quedaba pequena para acoller a toda a xente que asistía á misa. Era a última da novena coa ronda que dende hai tres anos lle adica unha agrupación musical e tamé a que se celebraba en memoria de Miguel Ángel Garrido, veciño do Barco recentemente falecido e moi querido na vila.


Ex Administrador da oficina da Axencia Tributaria do Barco de Valdeorras, Miguel Ángel era natural de Valladolid pero dende o primeiro día integrábase na sociedade barquense formando parte de diferentes entidades e colectivos, entre eles o do IEV e Son do Sil do que era socio fundador e un dos piares. De aí que os seus compañeiros quixeran cantar na eucaristía, na súa memoria, co instrumento que tocaba na agrupación.


Son do Sil facía novamente a ronda, cantando a Santa Rita trala eucaristía, interpretando entre outros o tema Cerca de ti señor, que formou parte da banda sonora da película Titanic mentres se afundía o barco sendo o coro parroquial quen pechaba a ronda.

O presidente de Son do Sil, Maximino Alejandre, compartindo a emoción cos presentes, entre os que estaban a viúva de Miguel, Sara Marianovich, daba as grazas ao párroco por ter contado con eles nesta e noutras ocasións (xa fixeran a ronda noutras ocasións) e tamén o presidente do IEV, Aurelio Blanco tiña unhas palabras de recordo e cariño para Miguel Ángel Garrido.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.