Máis de 250 persoas dábanse cita na tardiña do 13 de agosto no Castrillón de Larouco para asistir ao concerto de Susana Seivane, co que se encetaba a primeira edición de V NOVE, o itinerario cultural que levará nove propostas de música, humor, narración oral e natureza aos nove concellos da comarca de Valdeorras.
A gaiteira actuaba coa súa banda ao completo nun escenario montado na explanada anterior ao xacemento do Castrillón, un poboado castrexo da Idade do Ferro, escavado e musealizado, erguido nun outeiro entre os canóns dos ríos Xares e Bibei, dentro do espazo protexido da Rede Natura 2000.

Un lugar habitado hai máis de dous mil anos que onte funcionou como marco dun concerto sen que a actividade afectase ao xacemento. Esa é unha das liñas de traballo de V NOVE: programar en espazos patrimoniais e naturais para poñelos en valor, achegando público a lugares que moitos veciños da comarca non visitaran nunca, e facelo sempre respectando o ben que se quere dar a coñecer, segundo indican os organizadores.
O público comezou a subir ao Castrillón unha hora antes do previsto e, desde o primeiro tema, ninguén quedou sentado: as cadeiras baleiráronse e o concerto converteuse nunha foliada ao aire libre. Nun momento da actuación, a gaiteira baixou do escenario e tocou entre a xente, rodeada polo público.
A actuación coincidiu ademais coa posta de sol sobre os canóns do Xares e do Bibei, unha das mellores panorámicas a comarca, que acompañou boa parte da actuación.
Fotos cedidas.

