ConcellosÚltima hora

Suspéndense temporalmente as queimas agrícolas e forestais de particulares dende este venres

Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos non terán validez a partir deste 29 de maio

Imaxe de arquivo dunha queima agrícola.

 

A Consellería do Medio Rural vén de informar de que adoptou, “como medida preventiva ante o incremento das temperaturas, a suspensión temporal -desde este venres, 29 de maio, e ata novo aviso- das queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Polo tanto, non se autorizarán máis permisos e os xa concedidos non terán validez a partir deste venres”.

A medida preventiva tomouse, segundo Medio Rural, tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tense ademais en conta que a normativa establece a suspensión das queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

Asemade, a Xunta pide unha vez máis a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde o venres e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal por parte dos particulares. A maiores, a Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Back to top button