
Desde a organización do Qui-Roma queren comunicar a decisión de que se suspende a décima edición desta festa de castrexos e romanos. “Este ano, o Concello de Quiroga, ía a ser o principal organizador, e dada a situación que estamos a vivir no noso municipio polo terrible incendio que calcinou miles e miles de hectáreas, o alcalde e o seu equipo de goberno, acordaron que esta era decisión máis apropiada”, indican dende a organización.
Así mesmo, explican que, analizando situación do maior incendio de Galicia cremos que non “é tempo de organizar unha festa na que o estado de ánimo é fundamental. A festa do Qui- Roma é unha festa diferente e a súa base é a implicación e participación da veciñanza e para iso temos que atoparnos de bo ánimo para desfrutar”.
Por outra banda, a organización apunta que “unha das persoas máis importantes do Qui-Roma e que tanto nos axudou, e se implicou, está pasando momentos delicados debido aos incendios que ameazaron con forza a gandería de Mario Nogueira de Chao da casa, un dos núcleos máis danados polas lapas”.
Desde o Concello de Quiroga e os colaboradores da asociación QUI-ROMA, queren facer pública a data na que se celebrará a décimo edición que será o sábado 22 de agosto de 2026. “Mentres tanto, tócanos levantarnos destes días tristes, e desexar que Quiroga volva a ser o paraíso que sempre foi”, conclúen.