De infarto e con moitos goles. Así era o partido disputado na tarde deste Xoves Santo en Calabagueiros (aprazado na xornada 23) entre o CD Barco e o Silva SD, dous equipos con intereses diferentes. O primeiro loitaba por meterse na zona de play off, o segundo por afastarse dos postos de descenso, dando como resultado un intenso partido que se saldaba co empate a tres no marcador e reparto de puntos.

Nunha soleada aínda que non excesivamente calurosa tarde cunha boa entrada no campo municipal de fútbol do Barco, eran os coruñeses os que se adiantaban no marcador cun temperán gol no minuto 7. Seis despois Miguel Freiría empataba e no 20′ Andrés Cavo dáballe a volta ao marcador. Con todo, rozando o descanso o Silva volvía marcar, rematando a primeira parte co 2-2.
Tralo paso polo vestiario, repetíase o esquema. O Silva volvía adiantarse no marcador e no 88′ Marcos Vilachá sentenciaba o partido co terceiro gol local e o empate a tres. Un resultado que lle vale aos de Agustín para meterse nos postos de play off, algo impensable hai un par de meses.
O Barco volverá xogar en casa o domingo 5 de abril, ás 17:30 horas contra o Noia, o partido da xornada 29ª.

Fotos: Mónica G. Bellver