A creatividade é unha cualidade coa que se nace pero que tamén se aprende, ou cando menos, pode perfeccionarse e incluso descubrirse do xeito máis inesperado.
Gratamente sorprendida quedaba a deseñadora e artista barquense Marisú Miranda, (autora do cartel das Festas do Cristo do Barco 2026 e da exposición “Xente de Valdeorras”) na mañá deste venres 18 de setembro durante o taller que de xeito voluntario impartía aos usuarios da AFEM Morea.

Durante unhas tres horas, a deseñadora explicou como se deseña e crea unha prenda, neste caso unha camisa, dende o boceto ata a creación dos patróns, deixando libre a imaxinación dos asistentes que a sorprendían con deseños do máis orixinal e creativos que máis tarde debuxaban sobre unha silueta humana, ata lograr unha ilustración de moda.
Un taller diferente e moi interesante, que gustaba aos usuarios que xa pasaron pola exposición da propia Marisú, que pode verse ata finais de mes na Sala Abanca, na praza do Príncipe.

Fotos: Mónica G. Bellver.