PolíticaÚltima hora

Tareixa Paz, nos mitins do BNG na Rúa e no Barco

A deputada nacionalista no Parlamento Galego estivo acompañada pola valdeorresa Noa Fernández, que forma parte da lista do BNG ás europeas
Mitin do BNG na Rúa./ Foto: cedida por Manuel Agra.
Mitin do BNG na Rúa./ Foto: cedida por Manuel Agra.
Tareixa Paz, intervindo no Barco.
Tareixa Paz, intervindo no Barco.

“A única forma de que Galiza exista en Europa é estando alí e a única forma para logralo é que o BNG e Ana Miranda estean alí”. Tareixa Paz, deputada ourensá do BNG, concluía con estas palabras o mitin celebrado na noite do 20 de maio no Barco. Ao longo do seu discurso subliñou o que Galicia se xoga nestes comicios europeos. “O día 25 de maio temos que ir a votar polo futuro do noso país”, aseguraba, “porque a parte das decisións vinculadas coa macroeconomía, en Europa tamén se toman moitas decisións que teñen que ver co noso futuro. É un voto para traballar e loitar por unha Europa que nos permita estar alí como pobo e defender os nosos intereses, para loitar por unha Europa que se constrúa de novo e onde o poder estea no pobo, nos cidadáns europeos e nas nacións que configuran esa Europa”.

Nese senso, Paz fixo balance das decisións tomadas no marco da UE que tiveron consecuencias negativas para Galicia en sectores como o do leite ou o da pesca. E tamén se referíu á proposta comunitaria de eliminar os dereitos de plantación do viñedo, “unha decisión que tería consecuencias nefastas para a viticultura galega e que se conseguíu frear porque Ana Miranda levou unha delegación do sector agrario galego que explicou en Bruxelas o que podería supoñer iso. E conseguiuse aprazar esa decisión ata o ano 2030”.

Tamén insistiu en que o BNG quere unha Europa diferente, que estea “gobernada polos cidadáns a través dos seus representantes elixidos libremente e que poña en primeiro termo os servizos e a garantía deses servizos públicos” e na que os cartos “volvan a estar ao servizo da cidadanía”.

Para a deputada nacionalista os grandes partidos “queren unha campaña electoral plana e na que non se fale de como as políticas que de definen a Europa inflúen en cada un dos aspectos da nosa vida”.

Tareixa Paz pechaba un mitin no que antes interviñan o concelleiro do BNG no Barco Vítor Sierra e Noa Fernández, valdeorresa que forma parte da lista desta formación política nas europeas.

Sierra destacaba que o BNG “somos a cara humana da política e os defensores das clases populares” e citaba o apoio aos emigrantes retornados, aos estafados pola banca ou aos preferentistas, “sempre estivemos ao seu carón”. Pola súa banda, Noa Fernández dicía que “temos os pés na terra e o corazón na Galiza e en Valdeorras” e lembraba que “a única cabeza de lista que se achegou a Valdeorras para falar dos seus problemas e reunirse cos sectores da lousa ou do viño foi Ana Miranda, ningún outro cabeza de lista do resto das forzas políticas veu aquí”.

O mesmo día 20 de maio, pero antes que no Barco, tiña lugar un mitin do BNG na Rúa no que ademais de Tareixa Paz e Noa Fernández, falou a concelleira do BNG na Rúa María Albert.

Fotos: Carlos G. Hervella

O concelleiro do BNG no Barco, Vítor Sierra, abriu o mitin.
O concelleiro do BNG no Barco, Vítor Sierra, abriu o mitin.
A valdeorresa Noa Fernández forma parte do lista do BNG ás europeas.
A valdeorresa Noa Fernández forma parte do lista do BNG ás europeas.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button