CulturaCulturaÚltima hora

Teatro do Vilar de Ribadavia e Atrezo do Porriño, esta fin de semana na Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”, no Carballiño

“Silencio!”

 

A XIX Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” segue a ocupar o espazo cultural da fin de semana no Carballiño.

Así, o sábado día 7 de novembro, será Teatro do Vilar de Ribadavia quen se achegue ata a vila do Arenteiro coa comedia Memoria dun tempo para escenificar como nos finais de 1958 un grupo de artistas agardan nun vello teatro examinarse diante dun tribunal do Sindicato Nacional de Espectáculos e conseguir o carné que lles permita traballar baixo a ollada vixiante do réxime. Mentres agardan entre traxes de volantes e melodías de coplas, vanse entretecendo historias persoais, confesións agochadas e soños a medio cumprir. Nese espazo compartido os nervios mestúranse coa esperanza e as feridas do pasado reábrense, a música convertese nun xeito de resistir, lembrar e vivir.

 

“Memoria dun tempo”.

 

Memoria dun tempo é unha comedia musical cun pouso amargo, onde cada personaxe -cantante, músico ou vedete- representa unha xeración de soñadores atrapados entre o glamour do espectáculo e a realidade dunha época gris. Unha homenaxe aos que, maila todo, seguiron cantando.

Ao seguinte día, o domingo 8 de novembro, o grupo de teatro Atrezo do Porriño representarán Silencio!, unha adaptación da obra de García Lorca, La casa de Bernarda Alba, para levar ao ánimo do espectador como cada vez que queremos saír das normas, do que dita a moral, se nos ordena silencio. Como os que supostamente teñen que coidarnos ou protexernos nos fan trampas e ordenan silencio, e como, se facemos caso e calamos, so quedará o silencio.

Ambas función representaranse, como vén sendo habitual, ás 20 horas no Auditorio Manuel María do Carballiño.

Back to top button