Entrevistas

“Temos moitos plans no exterior”

Manuel Alonso, responsable do grupo rues Actyon, con empresas de servizos para túneis e de maquinaria
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Actyon adícase a aportar persoal e maquinaria específica para túneis executados con tuneladoras ou por métodos convencionais. “A nosa empresa non ten tuneladoras”, matiza para Manuel Alonso Fernández “Pirri”, responsable dende o 2007 (xunto ao seu irmán Santiago) deste grupo valdeorrés; “son máquinas que valen uns 20 millóns de euros. Nós contamos con persoal para dirixir esas máquinas, que normalmente pon o contratista. De feito en España creo que só debe haber tres empresas con tuneladora, pero nós si que temos máquinas para a escavación no que se chama método convencional, temos jumbos”. Actyon tamén participa na realización doutro tipo de obras como presas ou incluso canles, como a de Panamá, na que están a traballar na actualidade.

Este grupo empresarial conta con empresas en España como é o caso de Canhor (creada para realizar o estendido de formigón en paramentos verticais, case exclusivamente en canles) ou de Neomil, pero tamén no estranxeiro (en Chile, Panamá, Portugal ou Reino Unido). “Non somos unha multinacional”, di Manuel Alonso, “senón unha empresa familiar (de feito somos nove irmáns e nela traballamos sete) de servizos para grandes empresas”.

Actyon supuxo o seu regreso ao sector da construción, tras unha serie de proxectos como empresario na hostalaría, ¿de onde lle vén a vocación empresarial?

O meu pai sempre foi empresario, iso vén de familia, mámalo de pequeno. Cando acabei de estudar, comecei na construción levando a administración da empresa do meu pai, pero, por circunstancias, abandonei ese sector e comecei na hostalaría, na que estiven uns 17 anos nos Catro Camiños da Rúa e de Petín. Logo metínme no proxecto do restaurante A Pepa, que supuxo un investimento bastante grande e para poder afrontalo decidín axudar ao meu irmán Santi (que é o meu socio agora en Actyon e en Canhor) no que foi a nosa primeira primeira obra: o Túnel del Perthus en La Jonquera (Girona).

¿En que consistíu?

Son os túneis que unen España con Francia e no seu momento era unha obra bastante importante. Empezámola no ano 2007 con 4 persoas traballando para nós e rematámola con case cen. Aí realizamos instalación e mantemento de cintas transportadoras, así como varios traballos do que é a obra de tuneladora e, ao final, acabamos facendo a desmontaxe das tuneladoras. Isto para nós supuxo un gran reto, xa que son unhas máquinas moi grandes e aquela en concreto medía uns 160 metros de lonxitude. Non tiñamos moita experiencia, pero si coñecemento, e querer é poder. Con Actyon volvín á construción no 2007 e xa non me movín dela.

A partir de aí, ¿que outros proxectos foron xurdindo?

Empezaron a vir obras de túnel e tamén creamos Actyon Chile, xa que realizamos un proxecto en Los Bronces (ano 2009), que era unha mina de cobre. E logo aquí en España chegamos a ter a unhas 250 persoas traballando en varias obras. Foron chegando máis proxectos e comezamos a meternos en maquinaria, en compra e venda de materiais para tunelación e entón chegou Canhor, unha empresa na que nos convidaron a participar e cuxo 75,5% compramos en febreiro do ano pasado.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button