
Logo das visitas realizadas en outubro e novembro, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, regresaba neste 1 de marzo á comarca de Valdeorras para continuar coa súa a rolda de encontros institucionais con alcaldes e representantes de sectores económicos da zona. Así a primeira hora da mañá reuníase coa alcaldesa de Petín, Raquel María Bautista, e co alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García. En ambos casos analizou cos rexedores as principais demandas destes municipios en relación á Administración autonómica.
No caso do municipio de Petín, os principais asuntos que repasaron foron en materia social e turística.En canto ao concello do Barco, Gabriel Alén tivo a ocasión de analizar asuntos de promoción do emprego así coma en materia de medio rural.

Ámbolos dous rexedores coincidiron no apio á candidatura presentada ao Goberno de España de fondos europeos do Plan de Recuperación para levar a cabo o acondicionamento da estrada autonómica OU -533 ente A Gudiña e a Rúa.
Posteriormente, Gabriel Alén, trasladábase ata Carballeda de Valdeorras para supervisar, acompañado da alcaldesa, María Carmen González, as obras de humanización das rúas travesía estrada de Éntoma e Francisco Neira en Sobradelo, ao abeiro do convenio Hurbe. nas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inviste 89.782,00 €.
Tras percorren un treito das rúas, o representante do Goberno galego explicou que estas intervencións servirán para “adecuar estes espazos público e recuperalos como unha área de interacción social, cunhas mellores condicións de seguridade para os seus usuarios”.
O delegado territorial sinalou que este tipo de actuacións que se desenvolven ao abeiro do o Plan Hurbe, “ademais de mellorar da calidade de vida dos galegos, é un exemplo dos beneficios que aporta a colaboración permanente e sólida coas entidades locais”, e lembrou que “a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local para acometer este tipo de obras que redundan directamente no benestar dos cidadáns na mellora da calidade de vida”.

Gabriel Alén subliñou que “a tentativa do Goberno galego é a de buscar unhas vilas accesibles e non unhas vilas illadas; imos tentar unhas vilas habitables e non abandonadas, e que os cidadáns, especialmente do rural, poidan seguir vivindo no seu concello e que vivan o seu concello”.
As obras que se están a realizar en Sobradelo consisten na mellora da accesibilidade, demolendo o muro existente e ampliando as beirarrúas, así como a execución dunha rampla e substitución dos pavimentos. A rúa que conecta a zoa inferior da travesía da Entoma coa zona superior, denominada Travesía de Francisco Neira, conta cuns tramos de escaleiras e outra zoa de rampla que permite o acceso cara a contorna do concello. Conta cun pavimento deficiente e carece de varanda.
Polo que, “as obras de humanización fundaméntanse en catro actuacións básicas: a eliminación da xardineira ao pé do estribo dereito da ponte baixo o ferrocarril; a mellora da accesibilidade dende o estribo dereito da ponte do ferrocarril en dirección á fonte de Sobradelo ata o edificio da estación; a mellora da accesibilidade na zoa da farmacia e rampla curva, asemade de acceso a rúa en pendente; e o acondicionamento da travesía Francisco Neira”, segundo a Delegación da Xunta.
Visita ao CRDO Valdeorras
A xornada concluía cunha visita á sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras en Vilamartín. Alí era recibido polo seu presidente, José Luís García, e parte dos vocais do equipo directivo. Tras un encontro de traballo cos representantes do Consello Regulador, no que expuxeron as demandas e necesidades do sector, o delegado territorial fixo un percorrido polas instalacións sinalando “a magnífica calidade destes viños, que se reflicte no seu permanente recoñecemento”. “Proba deu prestixio -continuou o representante do Goberno galego-, foi a presenza na Guía de Viños, Destilados e Augardentes de Galicia 2021 que distinguiu con ‘Gran Oro’, o máximo galardón da publicación, un total de 21 referencias valdeorresas; co selo de ‘Ouro’ cualificáronse 80 viños e co de ‘Prata’ un total de 40”.
O delegado tamén felicitou a esta DO polos galardóns acadados nos premios das últimas Catas de Galicia dos viños de 2020, uns recoñecementos da Xunta aos mellores caldos do ano. Por isto, aproveitou para felicitar ao vencedor do Acio de Ouro dentro dos viños brancos, que foi o viño “O luar do Sil” da bodega Pago de los Capellanes, e o Acio de Ouro ao mellor tinto recaeu en “Alan de Val”, da SAT Alan.

Gabriel Alén subliñou que a reputación dos caldos desta comarca non é un feito illado, pois o crédito e o renome dos viños das outras denominacións de orixe da provincia é semellante aos de Valdeorras. Matizou ademais que “en Ourense están catro da cinco DO de Galicia, Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, o que fala da importancia estratéxica deste sector”. “Dende a Xunta de Galicia –significou o delegado territorial- temos clara a aposta decidida por todo o sector produtivo do viño, pois ademais de valorizar o rural estamos a asentar poboación e a crear riqueza con produtos de altísima calidade, recoñecidos e demandados internacionalmente”.
Na xuntanza, o delegado lembrou que a Xunta vén de resolver recentemente as axudas concedidas en 2020 ao abeiro de tres convocatorias destinadas a fomentar a calidade alimentaria entre os consellos reguladores, entre eles o de Valdeorras que hoxe visita, e as asociacións de produtores. En total, explicou, outorgáronse algo máis de catro millóns de euros a unha trintena de entidades.

A maiores, Gabriel Alén enxalzou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia que está a elaborar a Xunta cun investimento de 748.000 euros a prol do sector vitivinícola galego e dos territorios das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia, entre elas a de Valdeorras, e das catro indicacións xeográficas protexidas (Val do Miño, Betanzos, Barbanza e Iria, Ribeira do Morrazo).
Así, o delegado reiterou que a finalidade desta estratexia é lograr un desenvolvemento territorial integrado, coordinado e consensuado que conte coa participación de todos os axentes clave do territorio. Ao tempo, a estratexia persegue mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización en conxunto de produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola. En relación con estes últimos, trátase sobre todo de desenvolver produtos turísticos dirixidos a segmentos xeradores de valor engadido nos espazos rurais, que á súa vez redunde nun fortalecemento das economías locais.